A Xunta remata a parcelaria de Santa María de Oroso, no concello pontevedrés da Cañiza, tras reorganizar unha superficie de 740 hectáreas

A Cañiza (Pontevedra), 31 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Santa María de Oroso, nesta localidade pontevedresa.

Este proceso de reestruturación da propiedade abrangueu unha superficie de 740 hectáreas, pertencentes a 629 veciños. No acto desta mañá, o conselleiro incidiu na importancia deste traballo, co que se pasou de máis de 13.110 parcelas a 1.890 fincas, septuplicando o tamaño medio dos predios, ao pasar de 564 metros cadrados a 3.915

Lei de recuperación da terra agraria

O conselleiro explicou que, en paralelo ás novas figuras incluídas na Lei de Recuperación da Terra Agraria, as parcelarias seguen a ser unha das mellores ferramentas para potenciar o valor das terras. Por iso, detallou, as novas concentracións contan cunha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, xa que permiten aumentar a base territorial das granxas e reducir considerablemente os seus custos de produción.  

Xunto ás concentracións parcelarias, o conselleiro de Medio Rural quixo resaltar que a Lei de recuperación da terra agraria aposta por mecanismos de mobilización voluntaria que permitan unha maior participación dos interesados da explotación das terras. Ferramentas coma os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupación de xestión conxunta da terra ou as permutas de especial interese agrario.

Todo isto, resaltou o conselleiro, estase a facer co obxectivo de mellorar a estrutura territorial da nosa comunidade e favorecer a un futuro rendible e sustentable das explotacións agropecuarias que viven nel.
 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2024