A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do libro El cambiazo, do escritor e xornalista galego Xaquín López

Madrid, 31 de xaneiro de 2024

A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do libro, El cambiazo, do escritor e xornalista galego Xaquín López.

O xornalista de TVE presentou o libro, acompañado por Julián Merino, realizador de En Portada de TVE, no que recolle a investigación sobre a polémica primitiva premiada.

Cunha ampla experiencia como xornalista de investigación —principalmente en TVE—, Xaquín López García (Chantada, 1962), acaba de publicar El cambiazo, un libro que aborda o soado caso do boleto da Primitiva premiado con 4,7 millóns de euros que foi reclamado por máis de trescentas persoas. O caso deu pé a un longo proceso xudicial que segue aberto. 

A sala principal da Casa de Galicia rexistrou un cheo absoluto para gozar do relato sobre o armazón xudicial, información confidencial e decenas de entrevistas.

Xaquín López lévanos da man por unha trama digna do mellor thriller para atopar ao verdadeiro propietario do boleto, á vez que analiza aos outros protagonistas deste relato.
 
O escritor compaxina esta faceta con coberturas de crises e catástrofes en África como freelance para El País e a revista Mundo Negro. Profesor de máster para xornalistas na universidade Rei Juan Carlos durante 25 anos. Publicou o seu primeiro libro, As fronteiras crúzanse de noite, en 2008 denunciando a explotación laboral infantil de nenos de Benin nas plantacións de cacao de Costa do Marfil e nas canteiras de Nixeria. Na actualidade realiza documentais de investigación internacional para o programa En Portada de TVE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2024