O presidente da Xunta participa na entrega das distincións ao mérito deportivo en Ferrol

Rueda destaca o talento dos deportistas galegos e os beneficios que o deporte ten para a saúde

Ferrol, 30 de xaneiro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o talento dos deportistas galegos, que se constata coas 109 distincións ao mérito deportivo que o Goberno autonómico entregou hoxe nunha gala en Ferrol, e que serven de exemplo para que siga aumentando a súa práctica, cos conseguintes beneficios que o deporte ten para a saúde e a educación.

Rueda agradeceu o labor das persoas e entidades recoñecidas por promover a práctica deportiva e os seus valores así como por contribuír a facer de Galicia un referente internacional no eido deportivo. Nesta liña, salienta o momento que atravesa o deporte galego con máis federados que nunca -case 310.000 licenzas-, con máis deporte base que nunca -récord de participantes no programa de actividades lúdico deportivas Xogade para rapaces de 6 a 16 anos- e o maior número de deportistas de alto nivel da historia.

O presidente resaltou que “non hai nada mellor que empregar o tempo para dedicarse a facer deporte”, e destacou que “non son casualidade os éxitos olímpicos” dos deportistas “que nos fan sentirnos orgullosos e que serven de exemplo para tantísima xente nova”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024