O presidente da Xunta recibiu os responsables desta alianza empresarial tecnolóxica que lle confirmaron a posta en marcha dunha fábrica no polígono de Morás

Rueda agradece ao grupo Amper que reforce a súa aposta por Galicia coa construción dunha nova planta en Arteixo

Pon en valor a “longa e consolidada” traxectoria na Comunidade deste grupo especializado en almacenamento de enerxía e na fabricación de compoñentes de eólica mariña

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu hoxe ao grupo empresarial tecnolóxico Amper que reforce a súa aposta por Galicia coa construción dunha nova planta en Arteixo (A Coruña), que se dedicará á fabricación de equipos de electrónica de potencia para enerxías renovables e para o almacenamento de enerxía en sistema de baterías.

O mandatario galego recibiu esta mañá en San Caetano o conselleiro delegado do grupo Amper, Enrique López, e o CEO de EKS Hitachi Energy, Alberto Prieto, que lle confirmaron unha “alianza estratéxica” para a posta en marcha desta nova fábrica no polígono de Morás, en Arteixo, e que se prevé que estea en marcha en dous anos.

Rueda fixo fincapé na relevancia para a Comunidade desta fábrica “cun enorme potencial”, á vez que puxo en valor que axudará a consolidar Galicia como referente en enerxías renovables e, en particular, na eólica mariña, “na que Galicia ten un enorme presente e tamén futuro”, aseverou. 

Almacenamento de enerxía e fabricación de compoñentes de eólica mariña

O presidente galego lembrou que o Grupo Amper é líder e referente internacional cunha “longa e consolidada traxectoria” en Galicia, como demostra a iniciativa da súa división Nervión Naval Offshore para fabricar a plataforma flotante para eólica mariña nas instalacións do Porto Exterior de Ferrol; a planta nas Somozas para construír velas ríxidas; ou o seu interese en desenvolver iniciativas relacionadas coas enerxías alternativas no Porto da Coruña.

Por este motivo, considerou “unha magnífica nova” que teña decidido afianzar “a súa aposta por Galicia” con esta planta en Arteixo. Consecuentemente, trasladoulle a Amper que esta iniciativa contará “con todo o apoio” da Xunta para a súa posta en marcha.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024