O titular do Mar visitou as instalacións da empresa de conxelados Frigomar

Alfonso Villares reclama celeridade ao ministro Planas para activar o Perte para a cadea mar-industria do que dependen os fondos europeos

O conselleiro critica que non se materialicen as promesas por parte do Goberno central e sinala que o sector leva dous anos agardando a que se active despois da súa exclusión do Perte Agroalimentario

O responsable autonómico destaca á aposta polo peixe galego da empresa luguesa que dispón dun servizo de venda en liña que permite comercializar os seus produtos as 24 horas os 365 días do ano

Cervo (Lugo), 30 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclamou celeridade ao ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, na posta en marcha do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) para a cadea mar-industria comprometido e polo que leva agardando o sector preto de dous anos despois da súa exclusión do Perte Agroalimentario. O titular de Mar realizou estas declaracións, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, durante a visita ás instalacións da empresa conserveira e de conxelado Frigomar Burela S.A. na que tivo a oportunidade de coñecer de primeira man e da man dos seus os procesos de elaboración, transformación e conxelado de produtos pesqueiros que realiza esta empresa da man das últimas tecnoloxías.

O conselleiro subliñou a importancia do Perte que resulta fundamental para que as entidades empresariais como a lucense podan acceder a fondos europeos que resultan estratéxicos para a realización de importantes investimentos que fagan posible que as empresas podan continuar afondando na súa transformación mellorando os seus procesos produtivos e competitividade. Nesta liña amosou a súa preocupación pola falta de novidades e concreción por parte do propio ministro Planas na súa última comparecencia na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Congreso dos Deputados.

Alfonso Villares criticou o que considera un incumprimento máis do Goberno central coa industria pesqueira galega ao que suma o feito de que aínda non se coñeza a resposta do Executivo á petición de zona catastrófica para os bancos marisqueiros afectados polas intensas precipitación do outono que provocou unha alta mortaldade nas poboacións de bivalvos. Unha parálise que está a xerar aínda máis incertezas nun contexto económico especialmente complexo pola elevada inflación, os efectos da invasión rusa de Ucraína ou a alza dos custes financeiros. Nese sentido destacou que de este sector depende 50.000 empregos e que está vinculado o 91% das actividades económicas da comunidade alcanzando o 5% do PIB de Galicia.  

Experiencia e calidade

O titular de Mar destacou os máis de corenta anos de traxectoria de Frigomar ofrecendo o mellor peixe e marisco galego aos seus clientes cunha aposta decidida pola innovación tecnolóxica, profesionais con experiencia e unha loxística eficiente que lles permite levar os seus produtos ao consumidor en 24 horas a través da súa peixería en liña. Un alimento, resaltou o conselleiro, cuxo consumo aporta múltiples beneficios para saúde e as súas propiedades nutritivas xa que é rico en proteínas, vitaminas, minerais e ácidos graxos Omega-3 polo que o seu consumo permite reducir enfermidades cardiovasculares e reducir a inflamación corporal entre outros.

Peixerías de proximidade

Alfonso Villares tamén visitou no concello de Burela a peixería Pastoriza onde resaltou o papel esencial que xogan as peixerías de proximidade e os seus profesionais na promoción da calidade e sabor dos produtos do mar de Galicia. Subliñou que son fundamentais, polo seu contacto directo e relación de confianza co cliente final, á hora de explicar e promover as propiedades culinarias e en dar a coñecer a gran variedade de especies de peixe e mariscos galegos así como os beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 30/01/2024