Lete Lasa anima ao Club Ciclista Rías Baixas a acadar o liderado no ranking elite sub23 como xa fixo en 2021

Lembra a excelente tempada de 2023, na que remataron segundos e garante o apoio da Xunta para os seus próximos desafíos

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 30 de xaneiro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe a concentración do Club Ciclista Rías Baixas no Hotel Cemar de cara ao inicio da tempada 2024. Alí, o responsable da carteira autonómica de Deportes asegurou que, tras o subcampionato da tempada pasada no ranking elite sub23, “de seguro que o Rías Baixas vai recuperar o liderado nacional nesta tempada, como xa fixo por última vez en 2021”. O equipo do Rías Baixas está concentrado no Hotel Cemar de Mondariz do 28 ao 31 de xaneiro, xusto antes de comezar a tempada 2024 na Vuelta Guadalentín en Murcia os días 2, 3 e 4 de febreiro.

Neste sentido, Lete Lasa destacou que os tres equipos galegos punteiros do ranking elite sub23 -Rías Baixas, Froiz e Cortizo- sempre quedaron entre os dez primeiros clasificados no ranking nacional desde 2019, sendo a vitoria sempre para un equipo galego (excepto no propio ano 2019). Isto provocou un incremento nas licenzas deportivas de ciclismo que hoxe xa suman preto de 8.500 en Galicia, sumando tamén as de cicloturismo, cando en 2009 eran tan só 1.700. Lete Lasa tamén sinalou a importancia de contar cun dos mellores equipos profesionais feminino, como o Team Farto BTC, o que posibilita que as licenzas femininas tamén medren e, como indica o Barómetro da Bicicleta, que hoxe máis da metade das mulleres usen a bicicleta en España.

Lete Lasa tamén lembrou a importancia das 33 etapas da Vuelta Ciclista a España que pasaron por Galicia nos últimos dez anos e as catro etapas galegas recentemente anunciadas para a ronda española de 2024. Asemade, a terceira edición da carreira profesional ‘O Gran Camiño 2024’ volverá traer a Galicia en febreiro aos mellores equipos do mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024