A Xunta celebra un encontro na Coruña con mulleres beneficiarias do programa autonómico Lideramos de impulso ao talento directivo feminino

A Coruña, 29 de xaneiro de 2024

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron esta tarde na presentación na Coruña do programa de formación Lideramos de impulso ao talento e liderado feminino, á mellora profesional e á xestión de equipos. Nel participan 150 mulleres das catro provincias, máis dunha trintena delas na provincia coruñesa.

No encontro púxose en valor a experiencia das participantes nesta iniciativa que promove eliminar fendas de xénero e fortalecer a creación de novos perfís profesionais, motivar e crear cadros de persoal diversos. Todo no marco do compromiso do Goberno galego coa igualdade de xénero, apostando polo liderado feminino e pola competencia da xestión executiva.

Nese senso, segundo as directoras xerais, programas como Lideramos favorecen a interrelación entre as participantes, mellorando as capacidades de liderado e comunicación, destacando as fortalezas e talentos individuais. Do mesmo xeito, promóvese o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas.  

O acto de hoxe enmárcase no programa de actividades do programa Lideramos que arrancou na última semana de decembro en Pontevedra e que seguirá o seu curso con accións programadas ata o 11 de abril nas catro provincias.

En concreto, a xornada de hoxe acolleu un relatorio da directora do proxecto, seguido dun coloquio sobre liderado feminino moderado pola directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha. A clausura correu a cargo da directora xeral de de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2024