A Xunta demanda ao Goberno de España que deixe de recorrer ao Sergas para cubrir as súas carencias de persoal nas prisións galegas

O Servizo Galego de Saúde elabora un protocolo para establecer que os profesionais da sanidade pública galega só atenderán demandas de visita á prisión en casos de emerxencia

O conselleiro de Sanidade constata que os cárceres galegos teñen vacantes dous terzos das súas prazas médicas, e que están a recorrer a clínicas privadas ou pedir apoio ao Sergas para prestar os seus servizos

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo no día de hoxe unha reunión de traballo coa xerente do Sergas, Estrella López-Pardo; a xerente do 061, Adriana Regueira, así como representantes das direccións das áreas sanitarias onde hai prisións, así como cos xefes dos servizos de atención primaria do territorio onde están esas prisións, por mor da atención sanitaria ao persoal recluso. Ao respecto, a Xunta demanda ao Goberno de España que deixe de recorrer ao Sergas para cubrir as súas carencias de persoal sanitario nas prisións galegas.

Tal e como se desprende da xuntanza de hoxe, o Servizo Galego de Saúde vai elaborar un procedemento de actuación baseado no que traballou a área sanitaria da Coruña co persoal do centro de saúde e PAC de Teixeiro, e no que se estableza, de xeito claro, cal vai ser a actuación do Sergas ante estas demandas de apoio para atender aos reclusos das prisións, que van seguir medrando.

Deste xeito, os profesionais do Sergas só se trasladarán a unha prisión nas mesmas circunstancias nas que irían a un domicilio, é dicir ante situacións de emerxencia. Ademais, cando sexa así, o Sergas esixirá ao Goberno de España que, tal e como marca a Lei, proceda ao acompañamento do seu persoal sanitario no caso de atención a reclusos potencialmente perigosos.

O Sergas vai consensuar este procedemento coas sete áreas sanitarias e co persoal dos centros afectados, e logo vaino remitir á Delegación do Goberno, por se ten que facer achegas, pero sempre mantendo clara a postura de non admitir que o Executivo central recorra, de xeito sistemático, a mobilizar medios do Sergas diante de atencións quen non é quen de resolver, posto que carece duns recursos propios que ten a obriga legar de ter.

A Xunta de Galicia é coñecedora de que o pasado mes de novembro o Goberno de España remitiu unha información ao Congreso na que se reflectía que 20 das 30 prazas médicas das prisións galegas estaban vacantes, é dicir, case un 70%. Así mesmo, o Goberno do Estado está a recorrer ás clínicas privadas para externalizar o servizo médico, por exemplo na prisión da Lama.

Sinalar, así mesmo, que os datos que ten o 061 de chamadas dende as prisións amosan un importante incremento no pasado ano das solicitudes de mobilización de medios, das que ata en 11 o motivo foi a ausencia de persoal médico na prisión.

A Xunta considera que esta situación é totalmente inaceptable, e non pode asumir unha mobilización constante de ambulancias e de persoal sanitario do Sergas a un centro que ten a obriga de manter o seu propio servizo sanitario para atender á poboación reclusa. Cómpre remarcar que o Sergas non lle vai negar a asistencia sanitaria a ninguén en Galicia, aínda que a súa cobertura corresponda a outra Administración, pero o que tampouco pode é desatender os labores esenciais do persoal do 061 e dos centros de saúde para priorizar esa atención.

Esta situación que está a suceder coa atención sanitaria aos presos galegos demostra o que a Xunta leva tempo dicindo, que a falta de médicos afecta a todas as administracións, goberne quen goberne.

Por tanto, a Xunta seguirá a traballar en dar a mellor asistencia posible á poboación que ten asignada, a pesar do déficit de médicos de primaria, e non se nega a botar a man a outras administracións, pero o que non vai permitir e que se cargue de traballo aos profesionais do Sergas coa atención á poboación que debera ter a súa asistencia sanitaria garantida polo Goberno de España, de aí que o Goberno galego proceda a elaborar o procedemento hoxe abordado na reunión.

Data de actualización: 29/01/2024