A Xunta avanza no deseño da nova lei autonómica que incidirá na profesionalización do cooperativismo e no fomento da igualdade nestas entidades

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nunha nova xuntanza do Consello Galego de Cooperativas, órgano colexiado que promove e difunde os valores do cooperativismo na comunidade

A Administración autonómica prevé contar cun marco legal este 2024 que actualice a normativa galega en materia de cooperativas e fexibilice a súa creación

Galicia conta coa 2ª Estratexia da Economía Social que persegue a creación de 400 novas entidades ata 2027 e xerar uns 4.000 empregos

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou nunha nova xuntanza do Consello Galego de Cooperativas, na que se avaliaron os avances na nova Lei de Cooperativas elaborada no seo deste órgano para dar impulso a este modelo de negocio, profesionalizalo e facilitar a creación de novas entidades.

A Xunta está a iniciar os traballos para que a comunidade conte en 2024 cun novo marco legal para flexibilizar e facilitar a creación de novas entidades e axudar a que as existentes avancen na súa profesionalización e dixitalización.

Trátase de adaptar o actual marco regulador, que data de 1998, ao novo contexto socioeconómico, e de dar o impulso definitivo a este modelo, afirmou Rivo.

O Goberno galego pretende dotar ás cooperativas de ferramentas e métodos organizativos para mellorar a súa xestión diaria. Tamén aspira a reforzar a parte social no fomento dos principios de igualdade, conciliación e responsabilidade social, buscando unha composición equilibrada nos seus órganos.

A norma estase a deseñar no seo deste Consello Galego de Cooperativas -órgano colexiado que representa a Administración e a entidades representativas deste modelo- para a promoción e difusión do cooperativismo e dos seus valores a través dun proceso participativo.  

A aprobación neste 2024 da Lei de Cooperativas coincidirá coa vixencia da 2ª Estratexia da economía social, que a Xunta ten en marcha ata 2027. Rivo destacou que coa mesma quérese incidir na economía social como valor seguro e aposta de futuro.

Este marco aspira a xerar 4.000 empregos e a posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial.

Esta planificación con horizonte 2027 conta cun orzamento de máis de 174 millóns, para xerar máis economía social, atraendo talento, mellorando a competitividade e o crecemento en sectores emerxentes.

Ata esa data a Administración autonómica espera o nacemento de 400 novas entidades e que a mocidade e as mulleres teñan maior presenza na economía social.

Cómpre tamén subliñar que coa Estratexia a Xunta confía en reducir o tempo de constitución de entidades a 37 días de media e incrementar nun 25 % as firmas creadas en sectores emerxentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024