A Xunta anuncia a licitación por máis de 3,6 M€ da redacción do proxecto e da dirección da obra da fase final do plan director do complexo hospitalario universitario de Ferrol

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o anuncio previo de licitación que xa o Diario Oficial da Unión Europea recolle desde o pasado venres

A Xunta formalizará nas vindeiras semanas a licitación do proxecto e a redacción dos proxectos básico e de execución e a dirección das obras da fase final do Plan Director do CHUF

Incluirase tamén a redacción do proxecto básico e de execución das obras previas para enlazar coas intervención en execución da primeira fase do Plan, así como para preparar o hospital para a execución da fase final de forma compatible coa actividade asistencial

O orzamento estimado das obras da fase final máis a fase previa acada os 87 M€

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

A Xunta anunciou hoxe a próxima licitación por 3.630.000 euros do contrato de servizo para a redacción do proxecto e a dirección de obra da fase final do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

A Plataforma de contratos publica hoxe este anuncio, tras terse avanzado este pasado venres no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) o anuncio da licitación deste contrato.

O prazo de execución deste contrato será de 56 meses, ao estenderse o servizo da dirección de obra a todo o período de execución dos traballos, ata que estean entregados e en servizo.

O obxecto principal do contrato será a redacción dos proxectos básico e de execución e a dirección das obras da Fase Final do Plan Director do CHUF.  Ademais, baixo este contrato, redactarase tamén un proxecto básico e de execución das obras previas que é necesario executar para enlazar axeitadamente a nova obra coa obra en execución da primeira fase do plan Director, así como para preparar o hospital para a execución da fase final de forma compatible coa actividade asistencial.

Previamente a estes proxectos, redactarase un anteproxecto que sirva de base para desenvolver o proxecto da Fase Final do Plan Director e o proxecto da fase previa, así como para realizar, no caso de que se precise, a tramitación urbanística da actuación.

O orzamento estimado das obras da fase final máis a fase previa do Hospital de Ferrol acada os 87 M€.

A superficie de actuación na fase previa é de 7.378 m2 e a da fase final acada os 20.499 m2.

Coa fase final afrontaranse as actuacións máis importantes das fases 2 e 3 do Plan Director do complexo hospitalario.

Entre estas intervencións, destaca a renovación da hospitalización existente no Hospital Arquitecto Marcide, que implicará que tras a execución da fase 1 e da fase final se incremente nun 22% o número de camas; o bloque cirúrxico, tanto no hospital Naval como no Marcide; ou as novas consultas externas.

Tamén se inclúen outras actuacións como o Hospital de día onco-hematolóxico, a unidade de dor e os laboratorios.

O detalle do contrato

Os proxectos obxecto do contrato elaboraranse en base ao Plan Director do CHUF e ao Plan Funcional revisado, que mantén os criterios xerais establecidos. O Complexo Hospitalario constará así de tres edificios con destinos asistenciais. En concreto o Hospital Arquitecto Marcide, orientado a pacientes complexos con servizo de urxencias, quirófanos con ingreso e unidades críticas; o Hospital Naval, orientado a pacientes crónicos, rehabilitación, saúde mental e actividade ambulatoria tanto en consultas como en quirófanos; e o Hospital Nóvoa Santos, de apoio docente e investigación e ámbito socio-sanitario.

Cómpre sinalar que os parámetros poboacionais considéranse válidos e vixentes os empregados na última versión do Plan Funcional, manténdose polo tanto o dimensionamento no número de camas e quirófanos.

O aumento da ambulatorización e a incorporación de novas actividades reflicten unhas novas necesidades que se recollen na versión revisada do Plan Funcional.

Data de actualización: 29/01/2024