A Xunta mellora o acceso aos puntos de vixilancia en tres distritos forestais da provincia de Pontevedra

As actuacións abranguen varias zonas dos concellos de Silleda, A Cañiza, As Neves, Gondomar, O Porriño, Soutomaior, Pazos de Borbén, Tomiño e Oia

As reformas contan cun orzamento de 140.000 euros para mellorar 12,8 quilómetros de pistas forestais, co fin de facilitar o acceso ao monte en caso de incendio

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia traballa na mellora das pistas de acceso a puntos de vixilancia fixa en tres distritos forestais da provincia de Pontevedra. En concreto, as actuacións abranguen varias zonas dos concellos de Silleda, pertencente ao Distrito Forestal XVI Deza-Tabeirós; das localidades da Cañiza e As Neves, situadas no Distrito Forestal XVII O Condado-A Paradanta; e dos municipios de Gondomar, O Porriño, Soutomaior, Pazos de Borbén, Tomiño e Oia, que forman parte do Distrito Forestal XVIII Vigo-Baixo Miño.

As obras, que contan cun orzamento de 140.000 euros, consisten na mellora de 12,8 quilómetros de pistas forestais que dan acceso a varios postos de vixilancia fixos que o Servizo de Prevención de Incendios Forestais ten na provincia de Pontevedra. Estes traballos inclúen a colocación de pasos de auga naqueles lugares onde son necesarios e contemplan a apertura de novas vías de comunicación e acceso ao monte -tamén a mellora das existentes-, co fin de facilitar o acceso no caso de incendio.

Neste sentido, faise unha roza previa das marxes destas pistas, cun posterior refino e unha limpeza de cunetas con motoniveladora. En todas elas se realiza a mellora do firme mediante a aplicación de grixo, co seu posterior compactado cun pisón. Nas pistas de acceso aos puntos de vixilancia fixa de Espiño, Burgueira, Galiñeiro e Sanomedio contémplase tamén o formigonado de pequenos tramos.

Cabe sinalar que a realización de actuacións destas características resulta fundamental na loita contra os incendios, xa que facilitan o traballo de extinción e reforzan a seguridade dos traballadores do servizo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2024