Rivo anima a discotecas e pubs a adherirse ao Protocolo contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas para acadar un ocio nocturno máis inclusivo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade visitou o Café Latino, o primeiro establecemento do lecer nocturno adherido ao documento que brinda pautas de actuación, formación e información para detectar situacións de risco

Discotecas, salas de festas, pubs ou cafés espectáculos poden solicitar a súa vinculación co documento na páxina web de Igualdade da Xunta

O protocolo busca previr, detectar e actuar ante situacións de violencia contra a muller ou persoas LGBTI
 

Ourense, 26 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, visitou hoxe o Café Latino, o primeiro establecemento adherido ao novo protocolo contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas aprobado pola Xunta o pasado 11 de xaneiro.  

Discotecas, salas de festa, pubs e cafés espectáculo de Galicia xa poden formalizar a súa adhesión voluntaria ao protocolo a través da web da Secretaría Xeral da Igualdade, lembrou a conselleira, quen invitou aos integrantes do sector a implantar este mecanismo e referendar o seu compromiso coa eliminación de calquera discriminación ou manifestación sexista nos seus locais.

Grazas aos contactos con representantes do sector da hostalaría nocturna -Galicia de Noite, Federación de hostalería de Pontevedra (Feprohos), Federación de empresarios de salas de festa, baile e discotecas de Galicia (Fesdiga), Asociación provincial de cafeterías e pubs de Pontevedra (Apcap) e Asociación provincial de empresarios de hostalería e turismo de Lugo (Apehl)- a Xunta está a percibir a boa acollida a esta medida e as primeiras adhesións.

O Goberno galego está a brindar aos establecementos esta nova ferramenta para combater as violencias e abordar a prevención, a detección e a actuación ante situacións de agresión sexual e LGBTIfóbica que se poidan producir nestes espazos.

A conselleira lembrou que a Administración autonómica pon a dispor dos responsables e os traballadores pautas, información e formación que lles permita recoñecer manifestacións violentas e saber como actuar dentro das casuísticas que se poidan dar nos establecementos.

A Consellería quere impulsar ademais actuacións de información, publicidade e sensibilización, garantindo que as persoas que interveñan na aplicación do protocolo coñezan e teñan a formación específica en materia de violencia de xénero, dixo Rivo.

A adhesión ao documento garante a formación do persoal destes recintos e o seguimento protocolizado das actuacións a seguir en casos de risco. A adhesión inclúe así cualificación en liña para os responsables e para o persoal dos locais, de dez horas de duración.

Entre outras medidas, se a persoa agredida precisa atención sanitaria ou ten problemas de comprensión (polo estrés, situacións de consumo ou dificultades co idioma), o persoal deberá buscar a axuda pertinente. No caso de ter diante ao agresor ou agresores, o establecemento deberá amosar o seu rexeitamento ante esas condutas violentas e, de ser o caso, chamar ás forzas e corpos de seguridade.

O protocolo diríxese a todas as persoas que interveñen nos establecementos de lecer nocturno, desde o equipo directivo, persoal de seguridade e sala, de barra ou doutro tipo.

Rivo especificou que o protocolo busca xerar un modelo festivo baseado na igualdade e no respecto ás liberdades individuais e colectivas das persoas. Na súa elaboración, remarcou, participaron o Observatorio da Violencia de Xénero e o Observatorio LGBTIQ+, ademais das entidades representativas deste sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024