Cerca de 10.000 profesionais do Sergas acadan un novo grao de carreira profesional na convocatoria do ano 2023

O persoal facultativo especialista investigador dos programas Río Hortega e Juan Rodés poderán acceder de forma inmediata ao sistema de carreira profesional

Novo prazo adicional e excepcional para presentar determinadas solicitudes do grao inicial da carreira profesional con efectos retroactivos
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2024

Cerca de 10.000 profesionais acadan un novo grao de carreira profesional retribuído na convocatoria do ano 2023, que se pagará na nómina de febreiro con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2024.

Máis do 95% dos profesionais que solicitaron o acceso a un novo grao de carreira profesional polo réxime excepcional de encadramento acadaron unha avaliación positiva, polo que se procederá ao abono do novo grao na nómina de febreiro con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro de 2024. O 16% é persoal licenciado sanitario, o 38% e persoal diplomado sanitario, 25% persoal sanitario de formación profesional e o 21% restante persoal de xestión e servizos.

No referente ao procedemento ordinario, acadan un novo grao máis do 85% dos profesionais, dos cales o 43% é persoal licenciado sanitario, o 21% e persoal diplomado sanitario, 18% persoal sanitario de formación profesional e o 18% restante persoal de xestión e servizos.

O persoal facultativo especialista investigador dos programas Río Hortega e Juan Rodés poderán acceder de forma inmediata ao sistema de carreira profesional. Este persoal poderá incorporarse inmediatamente ao sistema de carreira profesional, en función da súa antigüidade e nas condicións que se aplicaron recentemente ao demais persoal facultativo especialista. En consecuencia, o persoal máis antigo dos programas Río Hortega e Juan Rodés xa poderá acceder este ano a un grao de carreira profesional, co conseguinte incremento retributivo de máis de 3.000 euros. O demais persoal, en función da súa antigüidade, beneficiarase desta medida nos próximos anos.

Novo prazo determinadas solicitudes do grao inicial

A Comisión de seguimento da carreira profesional do Servizo Galego de Saúde -e entidades adscritas- asinada polos sindicatos CIG, CSIF, SATSE e UGT, veu de acadar onte un importante acordo polo que se abrirá nos próximos meses de marzo e abril o derradeiro prazo adicional para presentar solicitudes de grao inicial con efectos retroactivos ata o 7 de agosto de 2018, para todos aqueles profesionais que non teñen solicitado o grao inicial, cerca de 2.500, xunto cos que poden mellorar a retroactividade do grao xa solicitado, o que lle permitirá o acceso ao grao I nas próximas convocatorias.

Data de actualización: 27/01/2024