O Gaiás celebra esta fin de semana o festival Pequefilmes con máis de 1.500 entradas vendidas e medio cento de curtas infantís internacionais

O directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, visita o festival que comezou na tarde do venres e continuará hoxe e na mañá do domingo

Pequefilmes organízase en tres salas por idades: Vagalumes, de 0 a 3 anos; Miñocas, a partir de 4 anos e Fanecas, a partir de 7 anos

As entradas están á venda de maneira anticipada en Ataquilla e presencialmente no edificio CINC, onde se celebran as sesións, antes de cada proxección

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2024

Coas entradas esgotadas para as primeiras sesións da tarde do venres, hoxe continúa Pequefilmes coa súa segunda xornada no edificio CINC do Gaiás. O festival internacional de curtametraxes infantís, co que a Xunta de Galicia quere cultivar entre a cativada o gusto polo cinema e a súa ollada crítica como espectadores, recibiu esta mañá a visita da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, que incidiu na relevancia do certame como cita consolidada dentro da programación familiar do Gaiás.

Cada ano, Pequefilmes aposta por ofrecer en pantalla grande unha selección do mellor cinema para audiencias novas que se fai no mundo, cun bo número de producións premiadas en recoñecidos festivais. Nesta oitava edición o certame celébrase en tres días. Así, comezou onte pola tarde con grande afluencia de público miúdo, e continúa este sábado en sesións de mañá e tarde e o domingo con proxeccións dende as 11.00 ás 13.45 horas. Os filmes, máis de medio cento procedentes de 16 países diferentes, distribúense en tres salas por idades: Vagalumes, para a cativada de 0 a 3 anos de idade; Miñocas, a partir de 4 anos; e Fanecas, a partir dos 7 anos.

Ademais, o programa complétase con obradoiros nos que a rapazada pode experimentar co cinema baseado no teatro de sombras chinesas, e para os que xa se completaron as prazas dispoñibles.

As entradas poden adquirirse a un prezo de 3€ de maneira anticipada en Ataquilla e no mesmo edificio CINC antes das proxeccións, no caso de que queden prazas dispoñibles. A programación e horarios pódense consultar na web www.cidadedacultura.gal.

Data de actualización: 27/01/2024