A Xunta organiza un Simposio internacional sobre frondosas autóctonas que reunirá en Lugo expertos galegos, do resto de España e de oito países europeos

O evento, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal, adscrita á Consellería do Medio Rural, celebrarase os vindeiros días 28 e 29 de febreiro e 1 de marzo na sede luguesa da UNED

O principal obxectivo é facilitar o intercambio de coñecementos sobre innovacións en frondosas en Europa, así como debater arredor das ferramentas de apoio á toma de decisións e avaliacións de resiliencia para mellorar a cadea de valor forestal en Galicia

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2024

Expertos galegos, do resto de España e de ata oito diferentes países europeos participarán no Simposio internacional sobre frondosas autóctonas organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal, adscrita á Consellería do Medio Rural, que terá lugar en Lugo os vindeiros días 28 e 29 de febreiro e 1 de marzo.

 

O principal obxectivo deste foro, que se desenvolverá na sede luguesa da UNED, é facilitar o intercambio de coñecementos sobre innovacións en frondosas en toda Europa, así como debater arredor das ferramentas de apoio á toma de decisións e avaliacións de resiliencia para mellorar a cadea de valor forestal en Galicia.

 

O simposio enmárcase no proxecto autonómico para a valorización sustentable das masas de frondosas autóctonas de Galicia e na iniciativa europea Resonate “cadeas de valor forestais resilientes – mellorando a resiliencia mediante respostas naturais e socioeconómicas”.

 

O amplo programa do evento, que será inaugurado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, iniciarase o mércores 28 de febreiro cunha reflexión xeral sobre as frondosas en Galicia, a cargo de especialistas en biotecnoloxía e silvicultura da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e da USC, respectivamente. Tamén se amosarán os resultados preliminares do Proxecto Tecnolóxico para Frondosas en Galicia, por parte do CIS Madeira, dependente da Consellería do Medio Rural e integrado na Axencia Galega da Industria Forestal.

 

Valorización e descarbonización

En materia de innovacións en Europa, dous expertos alemáns falarán sobre a valorización química destas especies e arredor da descarbonización e uso en cadoiro das frondosas. Outros temas a tratar nesta primeira xornada, que se completará cunha visita técnica ao marteloscopio da carballeira de Labio, serán as experiencias e innovación en biorefinerías con frondosas e os taninos e barricas.

 

O xoves 29 de febreiro cobrará forza a dimensión internacional deste simposio, xa que participarán nel cinco expertos doutros tantos países europeos -Finlandia, Suíza, Suecia, Austria e Dinamarca-. Falarán sobre densificación e tratamento térmico para construción con bidueiro, densificación con frondosas, contrachapado e bioprodutos do bidueiro, produción de lignina, cambio climático e resiliencia ou medidas de adaptación a través da cadea de valor, entre outros asuntos.

 

Adaptación ao cambio climático

A xornada centrarase tamén en como o sector galego pode adaptarse ao cambio climático, a través de tres mesas: sobre xestión forestal, industria da madeira sólida e outras industrias. Por último, e tras unha mesa redonda sobre a industria das frondosas en Galicia, realizarase unha visita técnica ao serradoiro Maderas Gayoso.

 

O último día do simposio, o venres 1 de marzo, trataranse cuestións como a dixitalización, con expertos que falarán da mobilización de madeira, rasetrexabilidade forestal, operacións e xestión forestal e rastrexabilidade no transporte da madeira. A Evolución do mercado de frondosas en Europa, os resultados dos proxectos de valorización de frondosas de pequena dimensión en Francia ou os proxectos de valorización e transformación local de frondosas en Valonia (Bélxica) e Navarra completarán o programa de actos, antes da clausura do evento, que está previsto que corra a cargo do conselleiro do Medio Rural, José González.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2024