A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, entregou hoxe a certificación Galicia Calidade ao Club Náutico de Sada

Lorenzana destaca que a bandeira de Galicia calidade xa ondea en 12 portos deportivos galegos

Asegura que este distintivo revalida o potencial de Galicia como referente do turismo náutico en España e contribúe a xerar unha oferta turística sustentable e competitiva

Sada (A Coruña), 28 de xaneiro de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a bandeira de Galicia Calidade xa ondea en 12 portos deportivos galegos, o que revalida o potencial da Comunidade como referente do turismo náutico en España, manifestou.

Lorenzana entregou hoxe este distintivo ao Club Náutico de Sada, con 347 puntos de amarre e escola de vela, como un recoñecemento ao seu emprazamento, equipamento e servizos ao longo dos seus 33 anos de historia. Segundo dixo, este tipo de instalacións contribúen a xerar unha oferta turística sustentable e competitiva en Galicia.

Ademais do Club Náutico de Sada, contan co distintivo de calidade o Nauta Sanxenxo, o Monte Real Club de Yates de Baiona, o Club Náutico Ría de Ares, o Club Náutico de Portonovo, o Real Club Náutico de Ribadeo, o Real Club Náutico de Vigo, o Real Club Náutico de Portosín, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico da Coruña, o Club Náutico Deportivo de Ribeira e o Club Náutico de Boiro. Neste sentido, tamén cómpre destacar que, se aos clubs náuticos galegos se suman hoteis, restaurantes e cámpings, son un total de 56 establecementos turísticos os amparados baixo o selo Galicia Calidade.

Esta marca de garantía certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 168 empresas adheridas, con máis de 850 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Data de actualización: 28/01/2024