O Sergas abre o prazo dun mes para a toma de posesión de 64 novos médicos con praza fixa na atención primaria galega

Galicia incorpora con este proceso 8 novos profesionais que se trasladan desde outros servizos de saúde autonómicos ou desde a Administración estatal

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, polo que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria, convocado pola Resolución do 4 de maio de 2023. As persoas nomeadas disporán do prazo máximo dun mes para incorporarse de modo efectivo no destino elixido.

Deste xeito, darase cobertura estable a 64 prazas de atención primaria de difícil cobertura que, ou ben se atopaban vacantes ou estaban cubertas por persoal interino e que non foran elixidas nos últimos procesos de concurso de traslados ou ofertas de emprego público.

Galicia incorpora con este proceso a 8 profesionais que non traballaban previamente en ningún outro servizo do Sergas, senón que proveñen doutras comunidades autónomas ou de organismos estatais como o Instituto Social da Mariña, e que decidiron optar a esta oportunidade de lograr unha praza en propiedade no Sergas.

Unha vez remate o prazo de toma de posesión, as 8 prazas que non foron adxudicadas nesta primeira rolda (A Mezquita, Calvos de Randín-Baltar, O Carballiño, O Carballiño-Beariz, Cualedro-Laza, Lobios-Entrimo, Ribeira e A Pobra de Trives) serán ofertadas de novo ao conxunto de persoas aspirantes que non obtiveron praza.

Estas adxudicacións prodúcense trala publicación no Diario Oficial de Galicia, o pasado 15 de decembro, da resolución pola que se fixo público o acordo do tribunal que xulga o proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria, relativo á baremación definitiva dos méritos do concurso, á publicación dos aspirantes seleccionados e pola que se convoca para o acto de elección de destino.

Galicia segue a dar, pois, resposta á necesidade de minimizar o déficit de persoal en atención primaria, namentres o Goberno central non reforma a lexislación do Estatuto Marco de persoal estatutario dos servizos de saúde, tal e como acordou por unanimidade o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en abril de 2018.

A través da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario do Sergas, a sanidade pública galega foi pioneira na medida, e así contará con novos médicos de familia con praza en propiedade en postos de difícil cobertura, e que terán atención ordinaria en centros de saúde e dúas gardas ao mes nos puntos de atención continuada (PAC) de referencia, cun compromiso mínimo de permanecer nese posto durante dous anos.

Distribución por áreas sanitarias

As prazas adxudicadas son, por área sanitaria:

·         Na área sanitaria da Coruña e Cee: Arteixo, Laxe e Vimianzo.

·         Na área sanitaria de Ferrol: Ares, As Pontes, Narón (4) e Fontenla Maristany (2).

·         Na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza: A Pobra do Caramiñal, Boiro (3), Frades-Ordes, Mesía-Xanceda, Muros (Esteiro), Noia, Rianxo (2), Ribeira, Santa Comba, Teo (Cacheiras) e Trazo.

·         Na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos: Baralla, Burela, Castro de Rei (Castro Ribeiras de Lea), Guntín, Meira, Monforte de Lemos, O Vicedo, Pedrafita do Cebreiro, Sarria, Viveiro e Xermade.

·         Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: A Pobra de Trives (1), A Rúa-Petín, A Rúa-Larouco, Carballeda de Valdeorras-Rubiá, O Carballiño-Punxín, Coles-Piñor, Lobeira-Bande, O Irixo-San Amaro, Nogueira de Ramuín-Paderne de Allariz, O Barco de Valdeorras (2), Punxín-San Amaro, Verín-Laza, Viana do Bolo-Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

·         Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: Catoira, Forcarei, O Grove e Vilagarcía de Arousa (2).

·         E na área sanitaria de Vigo: Aldán (Cangas), Arbo, Covelo, Pazos de Borbén-Fornelos de Montes, Ponteareas e Redondela (2).

Desta forma, nas próximas semanas incorporaranse 64 profesionais de medicina familiar e comunitaria a estes centros de saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024