A Xunta publica no DOG as convocatorias de axudas para mellorar as instalacións das traídas veciñais e para auditorías nas redes municipais de abastecemento cun importe global de 700.000€

Os incentivos ás comunidades de usuarios de auga, cun orzamento de 500.000 €, cubrirán as actuacións de mellora das instalacións de captación, potabilización, almacenamento ou a colocación de dispositivos de medición de caudais que se realicen desde o 1 de xaneiro
 

O importe destas axudas acadará o 80% do investimento subvencionable, cun máximo de 15.000€ por solicitude
 

O DOG tamén recolle unha orde de axudas aos concellos, cun orzamento de 200.000 €, para auditar as redes de abastecemento, atallar as perdas e lograr que non se supere o 20% de media
 

Estas axudas subvencionarán o 80% do gasto, oscilando desde un máximo de 6.000 € para municipios de ata 2.000 habitantes ao máximo de 10.000 € para os de máis de 10.000 e ata 50.000 habitantes
 

 As solicitudes para estas dúas convocatorias poderán presentarse ata o 26 de febreiro
 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2024

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia de hoxe (DOG) as convocatorias de axudas para mellorar as instalacións das traídas veciñais e realizar auditorías nas redes municipais de abastecemento cun importe global de 700.000 €. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo un encontro de traballo con representantes da asociación de traídas de augas, COXAPO, encabezados polo seu presidente, Juan Joaquín Pousa, e polo seu interlocutor ante as administracións, Rafael Carrera.

O obxectivo foi atender a solicitude de xuntanza trasladada pola asociación, que integra a máis de 200 comunidades de usuarios de augas de 30 concellos das provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense.  

A Xunta informou aos representantes de COXAPO das dúas convocatorias de axudas en materia de abastecemento que hoxe publica o DOG: unha para a mellora das instalacións de abastecemento das comunidades de usuarios e outra para que os concellos realicen auditorías nas súas redes municipais de abastecemento.

Por unha parte, a orde de incentivos para a mellora das instalacións de abastecemento das comunidades de usuarios prevé un orzamento de 500.000 €.
 
Esta liña de axudas está dirixida ás comunidades de usuarios de auga co fin de optimizar a prestación do servizos de abastecemento para consumo humano, tendo en conta as dificultades para afrontar melloras nas instalacións de tratamento e almacenamento para garantir auga en cantidade e calidade.
 
Estas subvencións cubrirán as actuacións de mellora do estado das instalacións de captación, potabilización, almacenamento ou a colocación de dispositivos de medición de caudais das traídas que se realicen desde o 1 de xaneiro deste ano. Cabe citar a mellora nas arquetas de captación ou a protección do pozos, a mellora dos sistemas de filtración e desinfección, a mellora dos depósitos de almacenamento ou a instalación de caudalímetros, entre outros.
 
O importe dos incentivos acadará o 80% do investimento subvencionable, cun máximo de 15.000 € por solicitude. Un 65% do crédito dispoñible resérvase para comunidades de usuarios de máis de 50 membros; e o outro 35% restante, para comunidades de usuarios máis pequenas, de ata 50 membros.
 
Trátase da quinta convocatoria destes incentivos de apoio ás traídas veciñais no rural que, en moitas ocasións, son a solución máis eficiente para abastecer ás poboacións máis dispersas e afastadas. A día de hoxe, máis de 600.000 persoas en Galicia empregan solucións autónomas para abastecerse, sexan veciñais ou individuais.
 
Por outra parte, a outra orde de incentivos que hoxe recolle o DOG, está dirixida aos concellos, para que poidan realizar auditorías nas redes de abastecemento para diagnosticar e atallar as perdas de auga en rede e lograr que non se superen o 20% de media.
 
Estes incentivos, que se convocan por segunda vez, teñen como fin a elaboración de auditorías nos sistemas de abastecemento municipal en alta e de subministración en baixa, para identificar eivas e poder dar solución ás perdas de auga, que acadan o 45% de media.
 
No caso desta liña de axudas, o orzamento dispoñible é de 200.000 €, que se distribuirá en función da poboación dos concellos que soliciten a axuda, primando os máis pequenos, que son os que teñen menos recursos e nos que as perdas de auga en rede poden chegar ao 60%.
 
De xeito máis concreto, prevese o 30% do importe para concellos de ata 2.000 habitantes; o 25% para concellos de máis de 2.000 e ata 5.000 habitantes; o 20% para concellos de máis de 5.000 e ata 10.000; o 15% para concellos de máis de 10.000 e ata 20.000; e o 10% para concellos de máis de 20.000 e ata 50.000.
 
Estas axudas subvencionarán o 80% do gasto, con máximos segundo a poboación dos concellos: oscilarán desde un máximo de 6.000€ para os de ata 2.000 habitantes; ao máximo de 10.000€ para os de máis de 10.000 e ata 50.000.
 

Cómpre lembrar que o prazo para presentar solicitudes a estas dúas convocatorias é de 1 mes, ata o 26 de febreiro. As subvencións son compatibles con outras que poidan conceder outras administracións a estes fins.

Nos seguintes enlaces pode consultarse toda a información relativa a estas dúas ordes de axuda:
 
 
 

 

Data de actualización: 26/01/2024