A Xunta destaca o papel das telecomunicacións como ferramenta para a cohesión do territorio e como garantía de igualdade de oportunidades

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asistiu onte á noite ao ForoTelecos Galicia 2023

A Coruña, 27 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou onte o papel das telecomunicacións como a principal ferramenta para a cohesión do territorio e para a súa conservación con garantías de calidade de vida e de igualdade de oportunidades.

Durante a súa intervención no ForoTelecos Galicia 2023, Miguel Corgos apelou á implicación de todos e todas para poñer ao servizo do progreso e o benestar tecnoloxías como a intelixencia artificial, a xestión intelixente de datos ou o internet das cousas, que requiren unhas boas infraestruturas de telecomunicacións.

Nesta liña, recordou que a labor dos “telecos”, como especialistas e profesionais das  telecomunicacións, continúa a ser fundamental para adaptar todo tipo de tecnoloxías sen fíos ás necesidades específicas de Galicia, ao servizo da extensión do internet das cousas, ás solucións baseadas en intelixencia artificial e, en definitiva, á configuración dun territorio intelixente.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu afirmando que Galicia aspira a consolidarse como unha rexión especializada en tecnoloxía e que hoxe a evolución tecnolóxica da Comunidade está sincronizada coa evolución tecnolóxica mundial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2024