A Xunta executa actuacións de limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Brexa e Mero ao seu paso polo concello de Cambre

As intervencións no río Brexa estanse a desenvolver no percorrido polo lugar do Muíño do Vilar, nunha lonxitude que suma preto de 235 metros

En relación ao río Mero, os traballos acométense ao longo dun tramo de máis de 900 metros, nas parroquias de Cecebre e de Bribes

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

O obxectivo destas intervencións é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Brexa e Mero, no concello de Cambre.

No que se refire ao río Brexa, estas intervencións estanse a desenvolver no percorrido deste río polo lugar do Muíño do Vilar. As actuacións que se están a acometer desenvólvense nunha lonxitude de preto de 235 metros.

En relación ao río Mero, os traballos acométense ao longo dun tramo de máis de 900 metros, nas parroquias de Cecebre e de Bribes.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos, co fin de que os ríos queden despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2024