Rivo reafirma en Ourense o compromiso da Xunta co emprego autónomo e pon en valor a calidade do produto local

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, desenvolveu hoxe un percorrido polos postos da Praza de Abastos

Informou das diferentes liñas de axudas que se poden solicitar na actualidade para apoiar aos traballadores por conta propia

Ata o de agora presentáronse máis de 2.100 solicitudes de profesionais que queren optar ás axudas para a promoción do emprego autónomo

Ourense, 27 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, mostrou hoxe o apoio da Xunta ás praceiras e praceiros nunha visita que realizou á Praza de Abastos de Ourense, onde, ademais de informar das principais liñas de axudas que se poden solicitar por parte dos traballadores autónomos, puxo en valor a calidade e o sabor de todos os productos galegos, facendo especial fincapé no pescado e no marisco.

Rivo sinalou o compromiso da Xunta cos comerciantes, pemes e autónomos e, neste senso, informou de que ata o vindeiro 30 de setembro está aberto o prazo para optar ás axudas do programa de promoción do emprego autónomo, que este ano inclúe o financiamento ao 100% da cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primerios meses de actividade. Ata o de agora, a Xunta recibiu para este programa máis de 2.100 solicitudes.

A orde de 2024 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade prevé achegas máximas de case 8.000 euros para persoas desempregadas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia como traballadoras autónomas. Trátase de axudalas a facer fronte aos gastos xerados no comezo e mantemento do negocio, dixo Rivo. 

Poden ser beneficiarias das achegas as persoas que cursen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024.

Así mesmo, a titular de Promoción do Emprego destacou que tamén está aberto o prazo de solicitude dos apoios con ata 7.000 euros para realizar melloras nos establecementos (Bono Autónomo), dotado con 8 millóns de euros; e das axudas con ata 8.000 euros para os que desexen volver emprender tras o cese de actividade (Bono Nova Oportunidade). Este último programa conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

Rivo destacou o peso que ten o emprego autónomo en Ourense, o 21,29% do total de afiliacións á provincia e, para rematar, reiterou o apoio do Goberno galego ao producto local e ao comercio de proximidade e animou á cidadanía a mercar pescado e marisco para apoiar aos autónomos da Praza de Abastos, aos autónomos do mar e, en xeral, ao tecido produtivo de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2024