A Xunta pon en valor a Escola Galega de Prevención para inculcar actitudes e hábitos seguros e saudables desde idades temperás

O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, visitou hoxe esta iniciativa que se empraza na actualidade no centro de Pontevedra do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), en Redondela
 

Sinala a importancia de que desde a etapa escolar se constrúan contornas seguras e saudables que xeren benestar
 

As visitas a esta Escola están dirixidas a alumnos de Primaria, desde os 6 ata os 12 anos, e poden facerse de luns a venres en horario de mañá

Redondela (Pontevedra), 26 de xaneiro de 2024

O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, visitou hoxe a Escola Galega de Prevención emprazada no centro de Pontevedra, en Redondela, do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), onde sinalou a importancia de inculcar desde idades temperás actitudes e hábitos seguros e saudables. Esta Escola é precisamente un espazo educativo para introducir entre os escolares a importancia da prevención de riscos no traballo dun xeito ameno, didáctico e divertido.

Trátase, en palabras do secretario xeral técnico, dun lugar para a aprendizaxe de hábitos e actitudes cara a saúde e seguridade no traballo. Tamén é un instrumento para que os profesores afonden nos seus coñecementos na prevención do acoso escolar e no uso das novas tecnoloxías.

A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores. A primeira, a do equipamento, onde os rapaces equípanse con cascos e chalecos para realizar a visita; o segundo espazo é audiovisual, onde se proxectan vídeos e se interactúa cos escolares con temas relacionados coa seguridade, a hixiene laboral ou a ergonomía; e o lugar de documentación e actividades, onde se poden consultar publicacións, pasatempos e cómics relacionados coa prevención, distinguir accións correctas e incorrectas, probar equipos de protección individual, así como diversos xogos de imáns e cubos relacionados con diversas profesións.

Son tres espazos no que a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: na rúa, na escola, no fogar e no traballo.

Á Escola poden acudir escolares de primaria, para idades comprendidas desde os 6 ata os 12 anos. A duración aproximada da visita é unha hora e media e poden facerse de luns a venres en horario de mañá. O número máximo de persoas por grupo é de 25 rapaces con dous docentes. Hoxe houbo un grupo de 20 nenas e nenos de terceiro e cuarto curso de Primaria do colexio de Vigo.

Na Escola, ademais, existe a posibilidade de atender a outros colectivos que traballan con rapaces destas idades como escolas deportivas, clubs, asociacións, campamentos de verán, escolas de tempo libre, etc.

O secretario xeral técnico indicou, para rematar, a importancia de iniciativas como a da Escola de Prevención para que as nenas e nenos, os traballadores do futuro, poidan facer de correa de transmisión da adopción de hábitos seguros e saudables.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024