A Xunta pon de relevo a nova Lei de Igualdade para incrementar a presenza da muller en todos os ámbitos e erradicar calquera tipo de discriminación ou violencia

O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social participaron na ‘Xornada sobre a igualdade nas empresas’ organizada por AJE Galicia
 

Destacaron que a nova norma busca mellorar a defensa dos dereitos das mulleres, visibilizar a discriminación múltiple, fomentar espazos urbanos libres de violencia, reforzar a igualdade no eido dixital ou incrementar a formación e o emprego feminino
 

Tamén destacaron o convenio coa Asociación de Jóvenes Empresarios para impulsar a xeración de riqueza na Comunidade, mediante asesoramento para a creación de empresas ou formación para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural
 

Vigo, 26 de xaneiro de 2024

O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron hoxe na Xornada sobre a igualdade nas empresas organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Galicia. Alí, puxeron de relevo a nova Lei de igualdade en vigor desde finais do ano pasado, que sitúa a nosa Comunidade á vangarda na equidade efectiva entre mulleres e homes. Tamén o convenio con AJE para o impulso do emprendemento e a xeración de riqueza en Galicia.

Así, no acto -ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz- sinalaron que a Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia foi froito dun proceso participativo que durou dous anos, co obxecto de acadar o máximo consenso.

Apuntaron que a norma busca mellorar a defensa dos dereitos das mulleres e a visibilización da discriminación múltiple, fomentar programas para a creación de espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual, reforzar a igualdade de xénero no eido dixital e incrementar a formación e o emprego feminino. Neste último caso, referíronse ao novo plan que por 2,25 millóns de euros incidirá este ano na formación e contratación de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados.

Afondando no eido laboral, os representantes autonómicos incidiron na necesidade de reverter as desigualdades salariais, mellorando as condicións de traballo coa implicación de empresas, persoal e Administracións. Nese senso, aludiron ao Campus formativo en igualdade laboral, unha aposta firme da Xunta que conta xa cuns 5.000 usuarios, que teñen accedido a cursos, talleres e xornadas sobre igualdade laboral, prevención e tratamento do acoso por razóns de sexo ou sobre protección integral da liberdade sexual e da integridade moral no traballo.

De xeito máis transversal, puxeron en valor instrumentos como o III Programa de Muller e Ciencia para un sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore a igualdade de oportunidades; o VIII Plan estratéxico de igualdade entre mulleres e homes ou o programa Lideramos que se está a desenvolver na actualidade, no que se están a formar 150 mulleres de toda Galicia en liderado e xestión de equipos.

Convenio con AJE

Na Xornada sobre a igualdade nas empresas tamén se puxo de relevo o convenio entre a Xunta e AJE Galicia, que persegue impulsar o emprendemento e a xeración de emprego na Comunidade galega.

Esta cooperación inclúe a posta en marcha de medidas de asesoramento e titorización para a creación de empresas, a formación específica para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural, actividades de networking e a organización de congresos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024