Aberto o prazo para recibir candidaturas ás medallas Emilia Pardo Bazán coas que a Xunta recoñece o traballo de persoas e entidades a prol da igualdade

A Xunta de Galicia recibirá ata o 13 de maio as propostas para estes galardóns, que se outorgan desde o ano 2019


Poden optar ao recoñecemento persoas físicas ou xurídicas, organismos ou entidades públicas ou privadas que destaquen polo seu compromiso na busca dunha sociedade galega más igualitaria
 

Santiago de Compostela, 26 xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia mantén aberto ata o próximo 13 de maio o prazo para a presentación de candidaturas co gallo de optar ás Medallas Emilia Pardo Bazán na súa edición 2024. Estes galardóns outorgan cada ano recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade galega por persoas físicas ou entidades que teñan contribuído, cun papel destacado, á defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

As candidaturas poden presentarse a través da Sede Electrónica da Xunta por calquera persoa física ou xurídica, organismos, entidades, asociacións e mesmo administracións públicas, que desexen resaltar o labor dos aspirantes no eido da equidade.

Para formalizar a proposta, as persoas interesadas deben achegar unha memoria ou informe en que se expoñan as causas, motivos e circunstancias, debidamente razoadas, polas que se insta a conceder o recoñecemento á persoa, entidade ou institución candidata.

As Medallas Emilia Pardo Bazán constitúen unha iniciativa que a Xunta creou en 2019 para enxalzar as accións relevantes a prol da igualdade efectiva á vez que permiten brindar un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia nese eido.

A través da súa concesión, o Goberno autonómico contribúe á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e á difusión da traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis xusta. 

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo e por ter reivindicado a educación das mulleres, tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres ás mesmas oportunidades que os homes coetáneos.

Na última edición, concedeuse este mérito a María Teresa Cortizas González-Criado, polo seu traballo como delegada de Igualdade do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; á Fundación Secretariado Gitano, que traballa pola inclusión social da poboación xitana así como contra a discriminación que sofren as mulleres xitanas; e á Asociación Ejecutivas de Galicia, que traballa pola igualdade e polo recoñecemento público de mulleres profesionais a través do proxecto Referentes galegas

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2024