Alfonso Villares destaca a importancia de dar a coñecer as propiedades nutritivas dos peixes e mariscos galegos entre a poboación

Vilalba (Lugo), 25 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sinalou a importancia de dar a coñecer as propiedades nutritivas e calidades culinarias do peixe e o marisco galego entre a poboación e os beneficios que reporta o seu consumo á cidadanía. O titular de Mar fixo estas manifestacións durante unha visita á peixería do supermercado Gadis en Vilalba onde puxo en valor o papel que xogan estes puntos de venda no asesoramento dos seus clientes difundindo e promocionando a excelencia dos produtos pesqueiros galegos. Tamén resaltou o traballo dos profesionais do mar que, co seu bo facer, compromiso e traballo, son os auténticos artífices de que cheguen nas mellores condicións o mellor peixe e marisco aos nosos pratos.

Alfonso Villares subliñou tamén a importancia de aumentar o consumo destes alimentos, dentro dunha dieta equilibrada, pois é un xeito excepcional de mellorar a saúde do conxunto da sociedade e á vez amosar o apoio á cadea mar-industria, estratéxica para a economía galega, da que dependen 50.000 empregos e que representa o 5 % do PIB da comunidade. Nese contexto, reiterou o seu apoio á campaña de promoción das confrarías e depuradores de marisco baixo o lema ‘Consume do noso’ e animou ao resto de cidadanía a participar na mesma e a gozar e presumir do mellor sabor do mar de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2024