Os Premios Nacionais da Pataca recoñecen a campaña promocional impulsada pola Xunta para fomentar o consumo deste produto con selo de calidade

A gala da primeira edición destes premios celebrouse hoxe na localidade valisoletana de Medina del Campo, á que asistiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos

A campaña “Pataca de Galicia. En boca de todxs”, promovida polo Goberno galego en colaboración coa Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, difundiuse entre novembro e decembro de 2023 nun cento de medios de comunicación locais, provinciais, autonómicos e estatais

O xurado que seleccionou a campaña galega estivo composto por profesionais e representantes do sector da pataca

Medina del Campo (Valladolid), 25 de xaneiro de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu hoxe á primeira edición dos Premios Nacionais da Pataca, celebrados na localidade valisoletana de Medina del Campo baixo a organización da Revista Campo. Nela, premiouse á Xunta de Galicia pola súa campaña publicitaria “Pataca de Galicia. En boca de todxs”, impulsada polo Goberno galego para promover o consumo deste produto co selo diferenciado de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia.

O xurado, composto por profesionais e representantes do sector da pataca así como polo presidente da revista “Campo”, Máximo Gómez, seleccionou “Pataca de Galicia. En boca de todxs” como gañadora da categoría de campaña de promoción, unha das oito que se premiaron nesta gala, na que Cabarcos destacou o excelente traballo dos produtores da IXP Pataca de Galicia, e que precisamente esta acción publicitaria quixo recoñecer.

A campaña “Pataca de Galicia. En boca de todxs”, feita en galego, contou con presenza nun cento de medios de comunicación de ámbito local, provincial, autonómico e estatal, a través de creatividades, cuñas radiofónicas ou anuncios audiovisuais dende novembro ata decembro de 2023, situando o selo de calidade da pataca como sinónimo de tradición e calidade.

Estes premios están organizados co obxectivo de poñer en valor a cadea alimentaria e recoñecer aos produtores, industrias e proxectos destacados. Entre os premios que se concederon están o Premio Nacional da Pataca, o Premio Produtora de Pataca do Ano ou o Premio Produtor de Pataca Mozo do Ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2024