A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou no acto de clausura do I Foro de Sostibilidade Alimentaria

Ángeles Vázquez salienta o compromiso do sector alimentario galego co respecto ao medio ambiente

A Xunta destaca a aposta das empresas alimentarias polos produtos naturais e locais, por evitar o desperdicio alimentario e pola protección da biodiversidade

A vicepresidenta segunda felicita ao Clúster Alimentario de Galicia polo seu labor no impulso da competitividade e o futuro da industria sometendo a debate os principais retos derivados da transición verde na que está inmersa o conxunto da sociedade
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o compromiso do sector alimentario galego co respecto ao medio ambiente e a sostibilidade nos eidos ambiental, social e económico. Fíxoo durante a clausura do I Foro de Sostibilidade Alimentaria organizado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

A representante da Xunta destacou que as empresas alimentarias son respectuosas co medio ambiente pois apostan por reducir o impacto nel da súa actividade, dan prioridade aos produtos naturais e locais -produción ecolóxica-, evitan o desperdicio alimentario -camiñando cara a economía circular- e apostan pola biodiversidade.

Nesta liña, a vicepresidenta segunda puxo en valor que a sostibilidade é unha das prioridades das empresas do sector alimentario para dar resposta así a unha cidadanía que demanda cada vez máis produtos respectuosos co medio ambiente.

Ángeles Vázquez felicitou ao Clusaga pola súa aposta decidida por mellorar a competitividade e o futuro das empresas alimentarias coa celebración deste foro -o primeiro centrado exclusivamente na sostibilidade alimentaria- que permitiu analizar os retos derivados da transición verde á que se enfronta o conxunto da sociedade.

Neste sentido, a responsable autonómica incidiu en que o compromiso da industria alimentaria coa protección do medio ambiente vai na liña dos obxectivos marcados polo Executivo galego en distintos eidos como a xestión dos residuos, a pegada medioambiental ou a descarbonización.

De feito, Clusaga -que representa a 140 empresas do sector da alimentación e bebidas- é unha das entidades asinantes da Alianza Galega polo Clima, que implica adoptar medidas para mitigar o cambio climático, fomentar o cambio de información científica e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

A vicepresidenta segunda puxo de relevo que esta alianza é só un exemplo das políticas postas en marcha en Galicia a prol da preservación do medio ambiente, da boa xestión dos residuos e da redución do desperdicio alimentario. A elas engádese a aposta pola excelencia, a sostibilidade e a promoción das producións primarias da comunidade.

Por iso, Ángeles Vázquez agradeceu aos responsables de Clusaga e ás empresas alimentarias de Galicia o seu bo facer no eido ambiental e animounos a continuar traballando para que o sector siga sendo no futuro sinónimo de crecemento sostible e de competitividade tanto na comunidade como fóra das súas fronteiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/01/2024