A Xunta destina preto de 19,5 M€ para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os concellos terán de prazo un mes dende mañá para presentar a súas solicitudes

Son subvencionables aquelas actuacións de ampliación, de mellora, e mantemento deste tipo de vías

Enténdese por camiño aquel que sexa de titularidade municipal e que facilite o acceso, en calquera punto do seu trazado, a cando menos dúas parcelas agrícolas

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se aproba o Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025.

 

A convocatoria conta cun orzamento de case 19,5 millóns de euros distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns para 2024 e 9,99 millóns para 2025. Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) da medida 0431 do PDR de Galicia 2024-2020, nun 7.5 % por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 17,5 % por fondos propios da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes desde mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

 

Actuacións subvencionables

Son subvencionables aquelas actuacións de ampliación -é dicir, que supoñen un incremento da largura que incide na mellora da seguranza viaria ou permitan o cruce de vehículos ou alargamentos necesarios en zona de curvas-, de mellora -un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado-, e mantemento -tanto do firme existente como das súas marxes.

 

Pola contra, non serán subvencionables aquelas actuacións que consistan unicamente no arranxo de fochas ou aquelas que se realicen en vías interiores dentro dos núcleos de poboación. Cada concello poderá presentar ata un máximo de tres proxectos e cada un dos proxectos poderá comprender ata un máximo de tres actuacións.

 

Para os efectos deste plan enténdese por camiño de acceso a parcelas agrícolas aquel que sexa de titularidade municipal e que facilite o acceso, en calquera punto do seu trazado, a cando menos dúas parcelas agrícolas.

 

Criterios de distribución

A distribución do crédito destinado a financiar o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2024-2025 realizouse de acordo con diversos criterios relacionados con cuestións como o número de habitantes, a superficie da localidade ou o grao de despoboamento.

 

Neste sentido, do montante total da convocatoria 17.998.525 euros asígnanse para todos os concellos partindo de cantidades fixas que se modulan empregando criterios de despoboamento, envellecemento, superficie do concello e un coeficiente de agrariedade onde se empregan datos de carácter socioeconómico vinculados á actividade agraria. Os 1,5 millóns de euros restantes financiarán a redacción dos estudos integrais da rede viaria municipal.

 
Ligazón á resolución no DOG:
Data de actualización: 25/01/2024