A Xunta encarga a redacción do proxecto para executar a mellora da drenaxe das estradas PO-550 e PO-504 en Meaño e en Sanxenxo

O obxectivo é redactar o proxecto desta intervención para a resolución dos problemas detectados por Augas de Galicia na interconexión entre as redes de pluviais e fecais

Permitirá definir a obra para que a rede de drenaxe destas estradas, na súa zona de proximidade á ría de Arousa, funcionen de modo independente da rede de saneamento

Incluirá a continuidade da beirarrúa na marxe esquerda da PO-504 en Sanxenxo, entre os quilómetros 4+280 e 4+370, para a mellora da seguridade peonil

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de encargar a redacción do proxecto para executar a mellora da drenaxe das estradas PO-550 e PO-504 en Meaño e en Sanxenxo.

 

A Axencia Galega de Infraestruturas detectou a necesidade de realizar actuacións encamiñadas á resolución dos problemas identificados por Augas de Galicia en relación á interconexión entre as redes de pluviais e fecais nestas dúas estradas PO-550 e PO-504, en Meaño e Sanxenxo. Isto aconsella a elaboración dun proxecto para o seu estudo e valoración.

O proxecto permitirá estudar e desenvolver a solución óptima, co detalle suficiente para facer factible a intervención, e a posterior información pública, de ser necesaria.

Este traballo enmárcase no servizo de redacción de proxectos en materia de estradas nas catro provincias licitado pola Xunta. Este contrato, cun orzamento de 4 M€, permitirá atender as necesidades de redacción de proxectos nos próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación de estradas.

 

Descrición da actuación

A raíz dos estudos realizados por Augas de Galicia en relación aos problemas detectados na rede de saneamento e pluviais da marxe esquerda da ría de Arousa, conclúese que unha das zonas nas que se debe actuar é na interconexión entre as redes de pluviais e fecais nestas estradas PO-550 e PO-504.

 

Mediante a redacción deste proxecto preténdese que a rede de drenaxe nestas estradas, na súa zona de proximidade á ría de Arousa, funcionen de modo independente da rede de saneamento.

 

As actuacións que se prevén realizar estímase que supoñan tamén executar conducións de saída da drenaxe cara a terreos particulares, polo que sería necesaria a expropiación das zonas de afección.

 

Incluirase no proxecto, ademais, a continuidade da beirarrúa na marxe esquerda da estrada PO-504 en Sanxenxo, entre os puntos quilométricos 4+280 e 4+370, para a mellora da seguridade peonil, que precisa de expropiación para poder materializarse.

Data de actualización: 25/01/2024