O DOG publica a nova convocatoria dos premios á cooperación e do certame Cooperativismo no ensino para a posta en valor desta fórmula

O Goberno galego outorgará 5.000 euros á entidade que máis represente os valores cooperativos, ao mellor proxecto novo e á traxectoria dunha cooperativa

O certame escolar está aberto á participación do alumnado de infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

Ambas as dúas convocatorias suman 43.000 euros en premios

O prazo para presentar as candidaturas aos dous galardóns rematará o 30 de abril
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia convoca hoxe, na súa edición 2024, os Premios á Cooperación e do certame de Cooperativismo no Ensino, iniciativas coas que a Administración autonómica quere recoñecer o esforzo destas entidades da economía social e dar a coñecer os beneficios deste modelo de actividade económica entre a poboación máis nova.  

Os Premios á Cooperación, dotados con 15.000 euros, teñen como finalidade fomentar e difundir os valores do cooperativismo e recompensar publicamente o traballo que as súas entidades realizan en favor do desenvolvemento deste movemento na comunidade.

Poden optar a estes galardóns todas as cooperativas galegas que teñan destacado polo seu traballo, que estean ao día das súas obrigas e que non resultaran recoñecidas en anos anteriores.

Ao igual que en edicións previas, as modalidades da convocatoria son tres: premio aos valores cooperativos, ao mellor proxecto cooperativo novo e á traxectoria cooperativa. Cada un destes galardóns está dotado con 5.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes ábrese mañá e rematará o próximo 30 de abril.  

O premio aos valores cooperativos outorgarase á entidade que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos recoñecidos como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, e equidade, a solidariedade, a transparencia, a educación e formación ou ao interese demostrado en favor da comunidade, entre outros.

Na categoría de mellor cooperativa nova, recoñecerase unha entidade cunha antigüidade igual ou menor a 42 meses, que destaque polas contribucións nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

O galardón á mellor traxectoria diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade, e que teña resaltado, entre outros, pola solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.

Cooperativismo no ensino

O DOG convocou onte, por outra banda, o certame de Cooperativismo no Ensino 2024, co que o Goberno galego quere promover esta fórmula de emprendemento entre o alumnado de todos os niveis de centros escolares galegos.

O certame está aberto, un ano máis, á participación de centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

As rapazas e rapaces poden presentar os seus traballos en tres diferentes modalidades: 1ª, actividades artísticas (para educación infantil, primaria e educación especial), 2ª, actividades cooperativizadas (para educación secundaria obrigatoria e educación especial) e 3ª, proxectos empresariais cooperativos (para centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial).

O mellor proxecto empresarial cooperativo poderá ser elixido para formar parte dos programas de emprendemento na economía social desenvolvidos pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a través da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Este certame conta con boa acollida no eido escolar, téndose presentado ás dúas últimas edicións un total de 64 traballos que destacaron pola súa calidade.

O certame escolar conta cunha dotación económica en premios de 28.000 euros. O prazo para presentar os proxectos abrirase mañá e rematará tamén o 30 de abril.

Data de actualización: 25/01/2024