Alfonso Villares pon en valor a calidade dos produtos do mar e insiste no fomento do seu consumo dende o interior de Lugo

Monterroso (Lugo), 24 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou as peixerías dos supermercados das cadeas Froiz, Eroski e Plenus da localidade lucense de Monterroso. Desde alí enxalzou unha vez máis a importancia da cadea mar-industria, comezando pola actividade extractiva ata chegar ao consumidor final a través da distribución. O titular de Mar destacou que grazas a estes puntos de venda espallados por todo o territorio, xunto aos negocios de proximidade, o mellor produto dos mares galegos pode chegar ás mesas de todas as casas e ás cartas dos locais de hostalería.

O conselleiro insistiu na necesidade de seguir realizando campañas de promoción que sigan abandeirando aos peixes e mariscos galegos como os de maior calidade do mundo. Boa mostra do compromiso mostrado polo propio sector foi a acción presentada a semana pasada polas federacións de confrarías de pescadores e a Asociación de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade) para relanzar o consumo dos produtos do mar en resposta aos bulos que o sector sufriu nas últimas semanas. Alfonso Villares, acompañado polo alcalde monterrosino, Eloy García, e representantes das distintas cadeas de alimentación, incidiu na petición máis que reiterada ao Goberno central para que rebaixe o IVE dos produtos pesqueiros, petición que se ven demandando desde a Xunta e o conxunto do sector co fin de impulsar o consumo de peixe, marisco e conservas fronte á desvantaxe que hoxe teñen fronte a produtos da cesta da compra que contan ca rebaixa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024