A Xunta e a Organización Interprofesional Pesqueira renovan o convenio de colaboración para impulsar a promoción da quenlla, o marraxo e o peixe espada

O acordo anual con esta entidade recolle accións para mellorar a comercialización destas especies entre as que se inclúen a realización dunha campaña de incentivo ao seu consumo e a súa participación en Conxemar 2024

Alfonso Villares enxalza a calidade dos alimentos que aporta o complexo mar-industria e reclama ao Goberno central a posta en marcha do prometido PERTE para o sector que aínda non chegou a materializarse
 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

A Consellería do Mar e a Organización Interprofesional Pesqueira (Interfish) renovaron hoxe a súa colaboración no eido da promoción e mellora da comercialización das especies pesqueiras coas que traballa este colectivo, que son a quenlla, o peixe espada e o marraxo, dando a coñecer entre os consumidores as propiedades nutritivas e culinarias destes alimentos así como os beneficios para a saúde do seu consumo.

O documento asinado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente de Interfish, Juan Carlos Martín Fragueiro, recolle unha aportación autonómica de 113.000 euros cofinanciados nun 70% co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) para executar as accións previstas entre as que están a realización dunha campaña de promoción destas especies a través de receitarios ou titorías gastronómicas nos que tamén se resalte a súa sustentabilidade e calidade. Tamén inclúe a elaboración dun informe para abordar os beneficios deste alimento polo seu contido en selenio así como os niveis de mercurio co obxectivo de mellorar a imaxe do consumidor.

Ademais, recolle a presencia de Interfish na feira Conxemar 2024, espazo de referencia estatal de produtos pesqueiros conxelados na que participan máis de 27.000 profesionais, de gran interese comercial para esta organización de cara a fomentar a compra de produción e poñer en valor estas especies a través dun amplo repertorio gastronómico que amose a súa versatilidade.

O conselleiro destacou a calidade dos alimentos que aporta o complexo mar-industria e a necesidade de dar a coñecer os seus beneficios entre a cidadanía para incentivar a súa presenza na cesta da compra. Por outra banda, recordou que o sector segue agardando a que o Goberno central poña en marcha o prometido PERTE, esencial para a activación de novos investimentos que permitan manter a competitividade desta actividade chave para a economía e que é expoñente de sustentabilidade, trazabilidade e seguridade alimentaria.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/01/2024