A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou un convenio coa entidade

A Xunta e a Federación Galega de Caza colaboran na difusión dos valores ambientais asociados á actividade cinexética

Ángeles Vázquez pon en valor a aposta constante da entidade por facilitar o acceso dos afeccionados a novos coñecementos

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

A Xunta e a Federación Galega de Caza colaborarán na difusión dos valores ambientais asociados á actividade cinexética, ao abeiro do convenio de colaboración que asinaron, hoxe, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade, Luís Fidalgo.

No marco deste convenio, que se renova periodicamente e que este ano contará cun orzamento de 30.000 euros, o Goberno galego contribuirá ao deseño e supervisión de accións encamiñadas á potenciación, difusión e mellora da actividade cinéxetica como, por exemplo, a organización de cursos e xornadas formativas nas que se fomentarán valores como o respecto e o coidado do patrimonio natural.

A maiores, a vicepresidenta segunda puxo en valor a aposta constante da entidade por facilitar o acceso dos afeccionados a novos coñecementos, no eido da seguridade e a prevención de accidentes, as enfermidades da fauna cinexética, a xestión interna das propias agrupacións ou temáticas como a saúde alimentaria. 

Cómpre salientar que esta entidade é a máis representativa dos cazadores galegos, pois organízase en base a catro federacións provinciais e intégrase co conxunto das federacións rexionais na Federación Española de Caza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024