Galicia reivindica no Comité Europeo das rexións a importancia da dimensión rexional nas relacións da UE co Reino Unido

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na última reunión do órgano do Comité Europeo das Rexións especializado nas relacións post-Brexit

Os membros reivindicaron o papel das rexións e das localidades na gobernanza do Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e Reino Unido e no marco do acordo de Windsor
 

Bruxelas, 24 de xaneiro de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na última sesión do grupo de contacto entre o Comité das Rexións e o Reino Unido, centrada nos problemas da falta de participación dos entes locais e rexionais na gobernanza do Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e Reino Unido, marco que dende 2021 codifica as relacións sobre a base da preservación da cooperación. O papel das rexións e cidades non está recoñecido formalmente no acordo, a pesar das grandes repercusións territoriais e competenciais deste convenio a nivel subestatal.

A cuestión abordouse a través de dúas sesións temáticas. Na primeira, Bretaña exemplificou o impacto que o Brexit e a aplicación do Acordo están tendo na súa economía, moi dependente das relacións co país veciño. Subliñou a necesidade de fortalecer os intercambios culturais entre ambas as partes e de incorporar os gobernos locais e rexionais no seguimento das relacións e dos seus futuros cambios. A segunda sesión temática consistiu nun balance un ano despois da adopción do Marco de Windsor, o acordo que aborda os retos relativos á situación de Irlanda do Norte.

O director xeral destacou o papel asumido por Galicia neste eido entre os anos 2017 e 2023, período no que a comunidade autónoma actuou como coordinadora do Grupo Operativo para o Brexit da Comisión Arco Atlántico. Este grupo serviu como foro para o seguimento das consecuencias que a saída do Reino Unido da UE tivo para as rexións integradas nesta comisión xeográfica da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM).

Grupo de contacto CdR-Reino Unido

Desde a súa posta en marcha no 2020, o grupo de contacto entre o Comité das Rexións e Reino Unido constituíuse como o único espazo institucional para o diálogo permanente entre as rexións e localidades da Unión europea e do Reino Unido. É utilizado polas autoridades rexionais e locais para intercambiar coñecementos técnicos, particularmente sobre cooperación territorial e cuestións transfronteirizas.

A delegación do CdR está composta por doce membros de pleno dereito e un observador, seleccionados en base a criterios de equilibrio político, xeográfico e de xénero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024