A Xunta aborda coas agrupacións provinciais de voluntarios de Protección Civil as súas necesidades de equipamento e formación

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no encontro no que se trataron os cursos aos que teñen que acceso a través do plan de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, mantivo esta mañá unha reunión con representantes de agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) das catro provincias galegas para coñecer as súas demandas.

Así, lembrou que ata 19 de febreiro continúa aberto o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil poidan solicitar as axudas da Xunta para financiar gastos correntes das agrupacións. Trátase de equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección; material informático e de comunicación, sempre que sexa funxible; custos das actuacións relacionadas coa conservación, mantemento e alugamento da base e medios de intervencións; e custos de formación dos seus  membros, e o pagamento de seguros do persoal voluntario.

Ademais desta colaboración no funcionamento das AVPC, o Goberno galego dispón doutra liña de subvencións anual para a cesión de equipamento co que estes colectivos poidan realizar as súas intervencións con garantías e en condicións de seguridade. Na reunión de hoxe abordáronse precisamente as necesidades das agrupacións de cara a elaboración da nova convocatoria.

Cómpre engadir na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) se imparten os cursos para obter o carné de voluntario ou voluntaria de Protección Civil. Ademais, o plan de formación continua da academia integra un amplo catálogo de actividades formativas destinadas as forzas e corpos de seguridade e aos servizos de emerxencias que traballan na comunidade, entre elas algunhas dirixidas de forma específica aos voluntarios de Protección Civil. Os responsables das agrupacións trasladaron no encontro de hoxe as súas demandas de cara ao plan formativo da Agasp de cara a este exercicio.

Santiago Villanueva puxo en valor o imprescindible labor que levan a cabo os voluntarios e voluntarias destes colectivos cun traballo desinteresado e altruísta que os converte nun piar básico na rede de emerxencias da comunidade. Por iso, pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor tamaño- incidiu no compromiso da Xunta co servizo de Protección Civil e resaltou a necesidade de manter o diálogo e a comunicación fluída con reunións como a de hoxe para coñecer as súas necesidades e suxestións.

Data de actualización: 24/01/2024