A Xunta realiza labores de prevención de incendios no distrito forestal de Fisterra

Os traballos son desenvolvidos por dous tractores con rozadoiras de brazo hidráulico nas pistas e camiños forestais dos municipios de Carnota e Muros

A finalidade destes traballos, enmarcados nos obxectivos do Pladiga, é fomentar a creación de faixas auxiliares nos montes, para evitar a propagación dos lumes, e facilitar ao tempo os labores de extinción e mobilidade
 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

A Consellería do Medio Rural está realizando actuacións preventivas en montes e infraestruturas do distrito forestal V (Fisterra), máis concretamente en terreos dos concellos de Carnota e Muros. A finalidade destes traballos é fomentar a creación de faixas auxiliares nos montes, para evitar a propagación dos lumes, e facilitar ao tempo os labores de extinción e mobilidade.

Estas actuacións están enmarcadas nos plans preventivos de Medio Rural, realizándose en concellos ZAR (zonas de alta actividade incendiaria) e en terreos de xestión pública. A execución dos traballos realízase en época de perigo baixo con dous tractores con rozadoiras de brazo hidráulico a ambas marxes das pistas e camiños forestais, mantendo despexado un espazo de vexetación para evitar a propagación do lume.

Os labores neste distrito enmárcanse nun dos obxectivos do Plan de prevención e defensa contra os incendios de Galicia (Pladiga), no sentido de realizar actuacións para reducir ao mínimo posible danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes. A prevención constitúe unha das bases fundamentais na loita contra os incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024