A Xunta recibe 3 ofertas para executar as obras de renovación do pavimento e instalación dunha nova iluminación da Ponte Esperela, no concello de Leiro

Esta actuación na estrada OU-209 conta cun orzamento de 370.000 euros

A intervención consistirán na desmontaxe e reparación dos peitorís que o precisen

Disporase iluminación na calzada e nos alzados, así como na propia ponte

A intervención da Xunta enmárcase na colaboración coa entidade local, que asumirá a conservación e mantemento das instalacións de iluminación ao remate das obras

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir 3 ofertas de empresas para executar as obras de instalación dunha nova iluminación da Ponte Esperela e a súa calzada, así como a renovación do pavimento deste tramo da OU-209, ao paso polo concello de Leiro.

As actuacións obxecto deste contrato,  licitadas por case 370.000 euros, comezarán pola desmontaxe e reparación dos peitorís que o precisen, previa a súa recolocación cunha ancoraxe mecánica á peza da cornixa, perfilado e nivelación.

Segundo o proxecto redactado, unha vez colocados e aliñados os peitorís, executarase un corte mínimo horizontal baixo a albardilla para aloxar as luminarias lineais e un ensanche das xuntas verticais polas que discorrerá o cabreado para a alimentación da iluminación.

A continuación procederase ao fresado do aglomerado da calzada e posterior escavación das gabias lonxitudinais e transversais para afastar as canalizacións do subministro eléctrico e das arquetas. As gabias reporanse con formigón armado que sirva de base para o aglomerado en quente final que se acometerá na estrada.

Nas marxes da vía disporanse canles de recollida de pluviais que se executarán en granito e que se conectarán puntualmente coas gárgolas das cornixas e colocaranse lousas de granito transversalmente para aloxar as arquetas para as caixas de derivación estancas que coincidirán coas pilas da ponte.

O aglomerado da ponte, entre xuntas de lousas de granito de 50 centímetros de ancho, terá un acabado pulido. O acabado dos dous treitos coincidentes cos muros de acompañamento é o do aglomerado en quente; as xuntas entre os distintos pavimentos resolveranse cunha chapa de aceiro galvanizado de 1 cm de grosor.

A instalación do alumeado público

Baixo este contrato inclúese as actuacións para dotar á contorna de alumeado público. Neste caso, o adxudicatario deberá, primeiramente, proceder á execución da acometida e colocación dun cadro de mando nun poste de formigón da rede existente; despois levará a cabo a execución das gabias para as canalizacións. Os tubos irán protexidos con formigón onde haxa tráfico rodado e executarase a subministración aos báculos cos proxectores para a iluminación da estrada na marxe dereita do río e dos alzados e os bañadores de parede do muro de acompañamento.

A canalización protexerase cunha protección aérea-subterránea de cobre polo muro de cantaría ata a ponte.

Unha vez finalizadas as obras, a entidade local comprométese a asumir a conservación e mantemento das instalacións de iluminación.

Data de actualización: 24/01/2024