O conselleiro de Sanidade agradece o traballo que realizan as asociacións que colaboran coa Xunta no coidado da saúde mental

Julio García Comesaña visita a Asociación e Fundación Lar pro saúde mental, institución que leva tres décadas realizando accións que se centran na atención especializada a adolescentes con problemática psiquiátrica

O conselleiro anunciou que a Xunta aprobará este mes unha nova convocatoria de axudas destinadas ás asociacións, para a que se prevé un orzamento de máis de 1,2 millóns de euros

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá a Asociación e Fundación Lar pro saúde mental, da que destacou que leva ao redor de tres décadas promovendo e fomentando actividades dirixidas á creación e integración de programas residenciais. Accións que se centran, -remarcou o titular da carteira sanitaria-, na atención especializada a adolescentes con problemática psiquiátrica e, polo tanto, esta entidade coñece ben as necesidades da comarca do Salnés no eido da saúde mental.

Comesaña subliñou que a Xunta celebra a existencia de asociacións como Lar pro saúde mental, e dixo que o Executivo galego seguirá a colaborar con elas en todo o que sexa posible. Ao respecto, Comesaña incidiu en que o departamento sanitario que dirixe quere seguir formando parte das accións que emprende esta asociación a través dos seus programas, dos que remarcou que serven para adquirir equipamento destinado a cursos formativos, así como para incidir na calidade de vida no domicilio ou contribuír na prevención das condutas suicidas en menores.

O conselleiro felicitou a Lar pro saúde mental pola execución de programas pioneiros como son Vixilantes de Axuda ou un hacker no meu cerebro, e para rematar a súa intervención reiterou a intención da Xunta de seguir tendendo a man ás asociacións que colaboran co Goberno galego no coidado da saúde mental, que é responsabilidade de todos, tanto de administracións, profesionais, asociacións e sociedade civil.

Na visita de hoxe, o conselleiro de Sanidade estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; polo xerente da área sanitaria, José Flores; así como pola directora do distrito sanitario do Salnés, Encarnación Lucas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2024