A Xunta destaca o papel que xoga a distribución á hora de promocionar e levar a calidade dos produtos do mar de Galicia á mesa dos consumidores finais

Monforte de Lemos (Lugo), 23 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, aproveitou a súa visita á peixería do Híper Gadis de Monforte de Lemos para destacar o importante papel que xogan as empresas da distribución alimentaria na promoción dos produtos do mar de Galicia. Así, sinalou que a través da capilaridade dos seus puntos de venda conseguen que a calidade e efectos beneficiosos sobre a saúde dos peixes, mariscos e conservas acaben chegando ao consumidor final nas mesas das familias e tamén por medio da oferta dos locais de hostalería.

Alfonso Villares visitou o establecemento acompañado por directivos de Gadis e coincidiu con eles na importancia de apostar por defender a imaxe e o bo nome dos produtos do mar de Galicia xusto nun momento no que o propio sector, a través das federacións de confrarías e da Asociación de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade) se está a desenvolver a campaña ‘Consume do noso’. Esta iniciativa pretende contrarrestar toda a desinformación e bulos que se lanzaron sobre os peixes e mariscos galegos, poñendo en valor a súa excelencia e a necesidade de que sexan parte da cesta da compra con fin de elevar a calidade de vida de quen deles se alimenta e, ao mesmo tempo, contribuír á sustentabilidade da cadea mar-industria de Galicia e as 50.000 familias que sustenta. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2024