A Xunta coñece o proxecto de Gri Renewable Industries para as antigas intalacións de Ganomagoga en Ponteareas
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión de traballo con directivos da empresa
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con directivos da empresa Gri Renewable Industries para coñecer o proxecto que vai desenvolver nas antigas instalacións de Ganomagoga en Ponteareas, logo da súa adquisición.
Lorenzana informou á empresa das ferramentas que a Xunta pon a disposición do tecido empresarial para acompañalo e asesoralo nas súas iniciativas, como é o caso da Oficina Económica de Galicia ou os plans para a dinamización industrial.
A conselleira amosou a súa satisfacción por que poida manterse a actividade industrial na zona da man dunha empresa con máis de 15 anos de experiencia no sector eólico -en concreto no relacionado con compoñentes para a eólica terrestre- e que conta con 18 fábricas e presenza en oito países, ademais de dar emprego a máis de 400 persoas en Galicia.
Tamén puxo en valor a actividade da empresa polo seu papel non só na contribución no desenvolvemento de enerxías verdes, senón tamén pola dinamización que supón para a industria auxiliar asociada.