Unha delegación de profesores de Asturias visita Galicia para coñecer o funcionamento do modelo de bibliotecas escolares como exemplo a seguir

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, acompaña ao grupo nunha visita ao Colexio CEIP de Chancelas

Poio (Pontevedra), 23 de xaneiro de 2023

Unha delegación de Asturias visitan estes días Galicia para coñecer o funcionamento do modelo de bibliotecas escolares do sistema educativo galego como un exemplo a seguir. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, acompañou aos 24 mestres de 14 centros asturianos nunha visita ao Colexio CEIP de Chancelas, en Poio, moi implicada en distintos programas educativos ao abeiro do Plan de mellora de bibliotecas escolares da Xunta de Galicia, Plambe, do que forma parte este centro desde o ano 2016.

Os docentes da comunidade veciña teñen iniciado un proceso de dinamización das súas bibliotecas, polo que esta visita responde ao obxectivo de compartir experiencias e formarse sobre os distintos programas asociados ao Plambe como Biblioteca Creativa, Radio na Biblio, Lectura e Familias ou Club de Lectura, entre outros. Ademais, este centro levou a cabo unha importante transformación física da súa biblioteca, un espazo que inclúe emisora de radio e plató de televisión. Ademais, está dotada con importante equipamento innovador como impresoras 3D e materiais de deseño, construción e robótica. 

Ademais do Colexio de Chancelas, tamén coñecerán o funcionamento destes programas no Colexio CEIP da Lama, de Meaño-Covas e do Instituto IES Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa.

Data de actualización: 23/01/2024