A Xunta pon de relevo o labor de Cogami e da asociación Aixiña en Ourense a prol da igualdade de oportunidades e da inserción laboral das persoas con discapacidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe a sede da Confederación galega de persoas con discapacidade en Ourense e o Centro Especial de Emprego de Aixiña, dos que loou o seu papel dentro da economía social galeg

Puxo en valor o labor de Cogami, a través do seu servizo de orientación laboral, a formación, programas integrados de emprego ou a promoción da igualdade, con especial atención ás vítimas de violencia de xénero

No caso de Aixiña, arredor do 70% das 125 persoas traballadoras do seu CEE -que abrangue a hostalaría, a artesanía ou a elaboración de trofeos- teñen diversas capacidades, apostando pola súa capacitación para poder pasar á empresa ordinaria

Ourense, 23 de xaneiro de 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe a sede da Confederación galega de persoas con discapacidade (Cogami) en Ourense e o Centro Especial de Emprego (CEE) de Aixiña, poñendo de relevo o seu papel no eido da economía social da provincia e da Comunidade galega. Nese senso, reafirmou o apoio aos proxectos de ambas entidades para seguir avanzando na igualdade de oportunidades e na inserción laboral das persoas con discapacidade.

No caso de Cogami, a entidade está a piques de acadar os 35 anos de historia, a prol da transformación social, da xeración de oportunidades de emprego ou da prestación de servizos en beneficio das persoas con discapacidade en Galicia. Na oficina de Ourense contan cun técnico de emprego, tres técnicos de orientación, un técnico de programas integrados de emprego e unha traballadora social, que realizan entrevistas individuais, accións en grupo e visitan empresas para captar ofertas de traballo e sensibilizar sobre a discapacidade.

Contan co respaldo da Xunta, destacou, para manter a nivel galego un Servizo de orientación laboral con 27 profesionais, axentes de emprego que realizan labores de intermediación laboral ou de fomento do autoemprego, programas integrados de emprego ou accións formativas para persoas desempregadas. No relativo á igualdade, cómpre referirse ao seu Servizo de atención especializada á muller con discapacidade ou ás axudas recibidas para a promoción da igualdade ou para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, entre outras.

Con respecto á asociación Aixiña -integrada precisamente en Cogami Ourense-, a titular de Promoción do Emprego e igualdade puxo en valor o seu Centro Especial de Emprego, que vén de cumprir 30 anos e que dá traballo a 125 persoas, arredor do 70% delas con discapacidade. Salientou ademais da súa diversificación a súa aposta polo emprego inclusivo na provincia de Ourense, no marco dos 130 CEE que xa hai rexistrados no conxunto de Galicia e que dan servizo a preto de 4.000 persoas. 

Cos centros especiais de emprego que apoia a Xunta, destacou, búscase proporcionar ás persoas con discapacidade a realización dun traballo produtivo e remunerado con servizos de axuste persoal e social, apostando pola súa autonomía e capacitándoas para un eventual paso ao mercado laboral ordinario. No caso de Aixiña, o CEE está centrado na hostalaría, na artesanía, na comercialización e personalización de trofeos, así como na montaxe de estores e rieis e na clasificacón de perchas.

Iniciativas coma esta son as que deben seguir consolidándose no eido da economía social, segundo apuntou Elena Rivo, un modelo que representa máis do 7% do Produto Interior Bruto (PIB) galego, o que se traduce nun impacto anual duns 850 millóns de euros.

Para seguir promovendo a economía social, cabe lembrar que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá afondando na súa difusión, na creación e consolidación de iniciativas e na promoción do emprego inclusivo.

Así mesmo, a Xunta de Galicia vén de aprobar -no último Consello da Xunta- a Estratexia da Economía Social Horizonte 2027, que fomentará o crecemento das empresas e contribuirá a crear novas firmas atendendo á diversificación de sectores. Tamén se está a avanzar na nova Lei de cooperativas, para adaptala aos novos tempos e axilizar a creación de entidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2024