A Xunta adxudica unha parcela de preto de 18.000 metros cadrados no Porto Seco de Monforte

A empresa prevé investir ao redor de 14 M€ nunha fábrica de granulados para calefacción

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia adxudicou unha parcela propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) cunha superficie de 17.782 metros cadrados no Porto Seco de Monforte de Lemos.

A adxudicación foi por un importe de 462.332 euros, despois de aplicar unha bonificación do 50% sobre o prezo da mesma, a mesma porcentaxe vixente en todos os parques empresariais do Goberno galego na provincia de Lugo.

A empresa adxudicataria ten previsto destinar os terreos á construción dunha fábrica de granulados para o seu uso en caldeiras de calefacción, empregando para a súa fabricación arredor de 70.000 toneladas anuais de madeira e serradura de piñeiro. En concreto, prevé ocupar máis de 3.600 metros cadrados con edificacións e destinar o resto da parcela a outras instalacións, como silos e equipos complementarios.

O investimento previsto pola adxudicataria é de preto de 14 millóns de euros, incluído o prezo de adquisición do solo, e calcula que xerará 20 postos de traballo directos e 27 indirectos en loxística e extracción de materia prima.

A resolución da adxudicación da parcela establece un prazo máximo de tres meses para formalizar a venda da mesma en escritura pública.

Data de actualización: 23/01/2024