A Xunta licita o contrato de explotación e mantemento da depuradora de Ortigueira para os vindeiros 2 anos, cun orzamento de máis de 1,4 M€

O prazo de presentación de ofertas rematará o vindeiro 5 de marzo
 

O contrato inclúe os traballos de explotación e conservación das instalacións para que cumpran os obxectivos de depuración en condicións óptimas de funcionamento
 

A estación de tratamento de augas residuais está deseñada para una poboación de 5.000 habitantes equivalentes

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe o contrato de explotación e mantemento da depuradora de Ortigueira para os vindeiros 2 anos por un importe de 1.424.581 euros

A plataforma Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 5 de marzo.

A estación de tratamento de augas residuais está deseñada para una poboación de 5.000 habitantes equivalentes e dispón dun tratamento biolóxico con recirculación sobre cámara anóxica, seguido dun tratamento físico-químico con redución de fósforo e rematando con raios ultravioleta.

En concreto, o contrato licitado hoxe abrangue os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento, garantindo o mantemento e a conservación en perfecto estado de todas as instalacións.

É dicir, o ámbito de actuación obxecto deste servizo é, polo tanto, a planta de tratamento de augas residuais de Ortigueira, manténdose fóra do alcance do contrato de servizo o resto de infraestruturas do sistema de saneamento asociado, incluído o emisario cuxa xestión é de competencia municipal.

No eido da licitación deste contrato de servizos está programada a realización dunha xornada de visita ás instalacións da depuradora municipal o vindeiro mes de febreiro. O obxectivo é que as empresas interesadas, se así o consideran oportuno, poidan coñecer in situ a planta de tratamento para a que se licita a súa explotación e mantemento.

A explotación e mantemento das infraestruturas hidráulicas teñen como obxectivos garantir a correcta depuración das augas residuais e ofrecer uns servizos que respondan ás necesidades reais da poboación.

 

Data de actualización: 22/01/2024