O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, realizou unha visita técnica ao edificio reacondicionado

A Xunta remata as obras da nova sede do distrito forestal XIV, no concello ourensán de Verín

As instalacións abranguen unha superficie de 2.444 metros cadrados e albergan tamén unha nova Base de Unidade Operativa

Contan cun centro de coordinación, novas zonas de oficina, vestiarios, aseos, almacén e espazo para gardar vehículos todoterreo e motobomba do servizo
 

Verín (Ourense), 20 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e por rexedores dos concellos pertencentes ao distrito forestal XIV Verín-Viana, realizou hoxe unha visita técnica á nova sede do mencionado distrito, que acaba de rematar as súas obras de reacondicionamento.

Esta construción, que abrangue unha superficie de 2.444 metros cadrados, alberga tamén unha nova Base de Unidade Operativa (BUO), para que o persoal do servizo de prevención e extinción de incendios poida conciliar traballo e descanso. Así, a planta alta  acolle a sede e o centro de coordinación; dende alí xestiónase a loita contra os incendios forestais a través do sistema de videovixilancia forestal implantado pola Consellería.

Na planta inferior localízase a nova BUO. Neste sentido, dotáronse as instalacións de todas as comodidades necesarias que puidera precisar o persoal do servizo. A base conta con zona de vestiarios, aseos, sala de exercicio, almacén e zona de lecer; así como espazos para gardar os vehículos todoterreo e as motobombas.

Ademais, acondicionouse unha zona da nave para usos administrativos, ampliando a zona de oficinas, que agora conta cunha sala de reunión e outra destinada á formación, en función das necesidades do servizo. Con todo, executáronse instalacións técnicas como climatización aerotérmica, sistemas de renovación de aire mediante recuperación de calor e sistemas de protección contra incendios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2024