Javier Vázquez, director da Casa de Galicia en Madrid, participa na inauguración dunha exposición na Casa de América, onde puxo de manifesto os vínculos de unión entre Galicia e América

Madrid, 20 de xaneiro de 2024

O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou na inauguración da exposición fotográfica Reinvenciones: la ubicuidad de las identidades en lo fotográfico desde el Caribe, que contou coa presenza do embaixador de República Dominicana, Juan Bolívar, e que poderá visitarse na Casa de América desde o sábado 20 de xaneiro até o sábado 23 de marzo.

Esta exposición componse de dous núcleos fundamentais que se entrelazan conceptualmente: a fotografía histórica e a continuidade dos diversos temas e achegamentos expostos no primeiro espazo, na actualidade.

A primeira parte dedícase á fotográfica histórica que se xerou en República Dominicana despois de tres décadas de ditadura de Rafael Leónidas Trujillo (1930-1961), substituíndo á anterior produción, cargada de contidos románticos e edulcorados da realidade, e baseada principalmente na exégesis do réxime imperante. Ademais de explorar as orixes da fotografía dominicana contemporánea, esta selección mostra as achegas desta expresión artística na procura dos posibles compoñentes dun novo imaxinario nacional. A selección revela algúns referentes senlleiros e paradigmáticos da sociedade e do espazo que se estaban construíndo en República Dominicana e o Caribe a partir dos anos sesenta do século pasado.

A continuación do núcleo histórico, proponse un espazo dedicado á produción de sentido contemporáneo que se nomea Suxeito atopado. Este ámbito expositivo expón unha coherente continuidade histórica no exercicio da fotografía desde un Caribe expandido na contemporaneidade. O fotográfico como feito, evento e linguaxe mostra unha independencia indiscutible que é evidente no seu espectro de acción e influencia e no recoñecemento indefectible das múltiples identidades que nos habitan.

A mostra realízase en colaboración co Centro León da República Dominicana e está comisariada por Sara Hermann e Joel Butler.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2024