A Xunta conclúe en colaboración con Cáritas as primeiras formacións no marco do proxecto pioneiro de arraigamento dirixido a persoas migrantes en situación irregular

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, clausurou na Coruña o acto de entrega dos diplomas acreditativos para que estas persoas poidan obter autorización de residencia e de traballo e regularizar a súa situación

Puxo en valor a iniciativa, á que tamén se sumou a Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) e Cáritas Diocesana de Lugo, e coa que se prevé beneficiar inicialmente arredor dun cento de persoas migrantes

Sinalou que as formacións se centran en sectores como os da atención sociosanitaria, a hostalaría, a mecánica ou a construción e que se teñen recibido no marco do proxecto uns 150 postos de traballo vacantes en diferentes empresas

A Coruña, 19 de xaneiro de 2024

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, clausurou hoxe o acto de entrega dos primeiros diplomas acreditativos das formacións que se están a desenvolver -coa colaboración de Cáritas Federadas en Galicia- no marco do proxecto piloto de arraigamento para a formación dirixido a persoas inmigrantes en situación irregular. Trátase dunha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta de Galicia que persegue que estas persoas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, ao tempo que se contribúe tamén a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores do mercado laboral.

Convencida de que o emprego abre as portas do benestar, a directora xeral agradeceu a implicación de Cáritas no programa ao que tamén se sumou a Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) e Cáritas Diocesana de Lugo, sinalando que a previsión inicial é que un cento de persoas poidan regularizar a súa situación grazas a el. 

Na súa intervención, Zeltia Lado celebrou que rematasen con éxito as primeiras formacións organizadas no marco do proxecto, en sectores como os da atención sociosanitaria, a hostalaría, a mecánica ou a construción, entre outros. Formacións que continuarán, segundo dixo, tendo en conta que xa se teñen comunicado uns 150 postos de traballo vacantes en diferentes empresas, aos que se precisa dar resposta.

Cómpre lembrar que poden beneficiarse desta iniciativa persoas en situación irregular en España cunha permanencia mínima de dous anos no país, sen antecedentes penais e que se comprometan a realizar unha formación das establecidas, para obter unha autorización de residencia e traballo. Antes de realizar estas formacións das que se fai cargo o Goberno galego, procedeu detectar os ámbitos con maiores posibilidades de inserción laboral e seleccionar as persoas beneficiarias, que non só son formadas de xeito gratuíto senón que tamén se lles fará un seguimento e acompañamento de cara á súa entrada efectiva no mercado laboral. 

A iniciativa consegue, deste xeito, obter persoal coa formación necesaria para cubrir os postos que ofertan as empresas e, por outra, incorporar ao mercado laboral persoas que se atopan traballando de maneira precaria ou directamente irregular, que conseguen -grazas ao programa- permiso de residencia e de traballo. 

O proxecto pioneiro que comeza a dar os seus froitos enmárcase nas medidas da Xunta centradas en impulsar a formación para o emprego, de cara á consecución dun traballo estable e de calidade e para, ao tempo, cubrir as vacantes existentes.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2024