A Xunta presenta en Lugo o programa Lideramos co que está a cualificar 150 mulleres directivas en Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, tomou parte na xornada ‘Ferramentas prácticas para o liderado feminino’

Puxo en valor esta iniciativa da Xunta que busca rachar cos teitos de cristal

En Galicia son 150 as mulleres con responsabilidades na dirección de equipos que participan no programa, unha trintena en Ourense
 

Lugo, 19 de xaneiro de 2024

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron no acto de presentación en Lugo do programa Lideramos, co que a Xunta de Galicia está a promover a formación de mulleres na xestión de equipos co obxecto de afondar na rotura dos teitos de cristal e avanzar na igualdade.

Un total de 150 mulleres con responsabilidades directivas participan en toda Galicia nesta iniciativa que, no caso de Lugo, conta con 30 participantes. 

A representante da Igualdade puxo en valor a experiencia das participantes neste proxecto que promove eliminar fendas de xénero e fortalecer a creación de novos perfís profesionais, motivar e crear cadros de persoal diversos.

Vázquez destacou o compromiso de Galicia coa igualdade de xénero e a súa aposta polo liderado feminino. Programas como Lideramos favorecen a interrelación entre as participantes, mellorando as capacidades destas mulleres, indicou.

A iniciativa incorpora accións para o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal mediante sesións de coaching individualizadas co obxectivo de brindar ás participantes ferramentas para coñecer as forzas motivadoras dos equipos.

A xornada hoxe celebrada en Lugo -Ferramentas prácticas para o liderado feminino, a mellora profesional e a xestión de equipos- enmárcase no programa de actividades do programa Lideramos que iniciou este xoves a súa formación en Pontevedra e seguirá o seu curso con accións programadas ata o 11 de abril nas catro provincias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2024