O conselleiro do Medio Rural participou na xuntanza de celebración polo 40 aniversario da Asociación Galega da Carne (Asogacarne)

A Xunta enxalza o potencial do sector cárnico galego como motor produtivo fundamental de Galicia

José González puxo de relevo a importancia da Estratexia de dinamización do sector da carne para situar a Galicia como sinónimo de carne de calidade e potenciar aos produtores, cun claro beneficio para o sector


Ademais, explicou unha serie de liñas de axudas que poden solicitar os gandeiros, como son as de apoio ao selo Ternera Gallega, aos plans de melloras nas explotacións ou a de incorporación de mozos á actividade agrogandeira

O conselleiro de Medio Rural asegurou que o Goberno galego seguirá loitando para que o Executivo central rebaixe o IVE da carne e do peixe e se retracte do seu veto, unha medida que considera “discriminatoria”

A maiores, explicou que se segue a traballar na loita contra as enfermidades emerxentes e trasladou que o Consello Agrario activará neste mes un grupo de traballo para anticipalas e os produtores poidan notificar dun xeito máis áxil calquera incidencia
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe na xuntanza polo 40 aniversario da Asociación Galega da Carne (Asogacarne), acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo presidente desta asociación, Emilio González, onde destacou a potencialidade do sector primario, concretamente do gandeiro, en Galicia.

Na súa intervención, o conselleiro puxo de relevo o papel da Estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia, que busca situar á nosa comunidade como produtora de carne de calidade, revertendo un beneficio claro para este eido económico. Complementando isto, e coa intención de incrementar a superficie agraria, José González sinalou a Lei de recuperación da terra agraria ou o Plan de pastos de Galicia.

O titular de Medio Rural aproveitou a ocasión para lembrar algunhas axudas do Goberno galego dirixidas ao sector primario. No caso concreto da carne, destacou os 12 millóns de euros da convocatoria para produtores da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, cuxo prazo de solicitude está aberto dende o pasado 4 de xaneiro ata o vindeiro 5 de febreiro.

Ademais, José González sinalou que o sector disporá este ano doutra importante convocatoria de achegas, na que se inclúen tres liñas de axudas cun orzamento de 44 millóns de euros. Esta correspóndese coas subvencións para plans de mellora, incorporación de persoas mozas e a instalación de pequenas explotacións. A maiores, súmanselle outros 3 millóns como novidade, correspondente á incorporación de persoas entre 41 e 55 anos á actividade agrogandeira; outros tantos para investimentos produtivos e 500.000 euros en favor do relevo xeracional.

Rebaixa do IVE da carne e do peixe

O conselleiro do Medio Rural lamentou que o Executivo central manteña o seu veto á rebaixa temporal do IVE da carne e do peixe, mentres si se contempla a doutros alimentos. Ante esta situación, expresou que o Goberno galego seguirá esixindo que se inclúa tanto á carne como ao peixe nesa medida.

José González, que cualificou a decisión de non incluír na rebaixa temporal do IVE aos produtos cárnicos e do mar como unha “medida discriminatoria”, asegurou que se lle trasladará esta postura ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, “as veces que faga falta”. Así o fixo esta mesma semana, na Conferencia sectorial de Agricultura, na que o Executivo central mantivo a súa negativa a esta rebaixa.

Loita contra enfermidades emerxentes

Durante a intervención, o conselleiro do Medio Rural reiterou o compromiso da Xunta á hora de avanzar na protección das explotacións ante as enfermidades emerxentes, como son a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE).

A falta dun plan nacional en contra destas dúas enfermidades, o titular de Medio Rural reiterou que se continuará esixindo unha estratexia conxunta entre o Goberno central e as comunidades autónomas ante a expansión da EHE e doutras patoloxías emerxentes.

O Goberno galego está a traballar para paliar as consecuencias das mesmas, por iso resaltou que o 10 de xaneiro publicouse unha orde no Diario Oficial de Galicia, que terá efectos retroactivos dende setembro de 2023, para compensar as perdas de animais pola EHE e cuxo prazo de solicitude está abeto ata o 29 de novembro.

Por último, o conselleiro trasladoulles que o Consello Agrario activará neste mesmo mes un grupo de traballo para anticipar as consecuencias destas enfermidades, tanto animais como vexetais, que afectan ao sector. Entre outras liñas de traballo, incorporarase unha aplicación informática para que os gandeiros poidan informar, dun xeito aínda máis áxil, de calquera incidencia nas súas explotacións, co obxectivo último de contar cun sistema de alertas temperás para formar e informar aos produtores do rural galego de posibles riscos derivados do cambio climático.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/01/2024