O Sergas inicia o proxecto europeo “Coido da miña diabetes” co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta enfermidade

Un total de 17 pacientes con diabetes participarán neste programa que foi considerado como unha “boa práctica en saúde” por parte da Comisión Europea, e que será replicado por 12 países

García Comesaña incide no “carácter integral” que posúe o proxecto, ao abordar esta enfermidade desde os seus 4 piares básicos: nutrición, actividade física, descanso e control da medicación

Durante o 2024, un equipo de expertos multidisciplinar (persoal médico, enfermería, nutricionistas, terapeutas e expertos en actividade física) intervirán no impulso de condutas saudables entre as persoas participantes

No marco da transferencia de boas prácticas e coñecemento en Saúde que promove a Unión Europea, Galicia será protagonista exportando a outros países a súa Plataforma de Teleasistencia Domiciliaria (TELEA)

A Capela (A Coruña), 20 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, interveu esta mañá no acto de inauguración das xornadas “Coido a miña diabetes”, o proxecto europeo que desenvolverá o Servizo Galego de Saúde, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública, co obxectivo de dotar aos pacientes con Diabetes Mellitus tipo 2 das ferramentas e habilidades necesarias para mellorar a súa calidade de vida.

Durante as xornadas de hoxe e mañá, un total de 17 pacientes galegos con diabetes participarán no programa de actividades do “Care 4 Diabetes”, considerado como unha “boa práctica en saúde” por parte da Comisión Europea, e cuxas sesións iniciais se desenvolverán no concello da Capela. Así, Galicia formará parte do consorcio español que participa neste proxecto europeo, xunto co Principado de Asturias, Cantabria, Extremadura, Andalucía e Aragón.

O principal obxectivo deste proxecto, cuxa orixe está nos Países Baixos, é mellorar e fomentar tanto a saúde como a calidade de vida dos pacientes con diabetes mellitus tipo 2 (DM2), diminuíndo con elo os factores de risco da enfermidade.

Segundo apuntou o titular da carteira sanitaria da Xunta, “este proxecto aborda a diabetes dun xeito integral”, ao poñer o foco “nos catro piares básicos que inciden na enfermidade: nutrición, actividade física, descanso e relaxación, e o control da medicación relacionada coa diabetes”.

Deste xeito, un equipo multidisciplinar formado por persoal médico, de enfermería, nutricionistas, terapeutas e expertos en actividade física desenvolverán diferentes actividades e sesións formativas co ánimo de impulsar condutas saudables entre os pacientes que participan no programa.

A duración do proxecto será dun ano. Así, entre os meses de xaneiro a xullo terá lugar unha fase intensiva, que inicia coa xuntanza formativa desta fin de semana e á que seguirán revisións pautadas cos profesionais sanitarios, e para a que disporán dunha plataforma en liña con contidos e actividades semanais. De seguido, no mes de agosto dará comenzo a segunda fase do proxecto, centrada no seguimento dos pacientes, e na que se reforzará o contido aprendido mediante as charlas, webinars, reunións, foros etc.

O seguimento clínico non presencial farase mediante a Plataforma de teleasistencia do Sergas (TELEA), a través da que se enviará a súa Historia clínica electrónica, as biomedidas e tamén se cubrirán os cuestionarios de saúde.

TELEA e transferencia europea de “Boas prácticas en saúde”

O proxecto “Care 4 Diabetes” ten a súa orixe nos Países Baixos, baixo o nome “ReverseDiabetes2Now”, unha iniciativa que foi desenvolta pola ONG nérlandesa Voeding Leeft, e que foi seleccionada como boa práctica pola Unión Europea (UE).

Tras a súa selección, o proxecto pasa a chamarse Care4Diabetes, “Coido a miña diabetes” en Galicia, e será replicado por 12 países europeos (Bélxica, Bulgaria, Eslovaquia, Eslovenia, España, Finlandia, Grecia, Hungría, Italia, Malta, Polonia e Portugal).

O programa inxírese dentro do marco da Comisión Europea para transferir e reproducir as mellores prácticas en materia de Saúde Pública entre os seus países membro. Neste senso, cómpre salientar que Galicia tamén exportará ao resto de Europa os seus avances e coñecemento sanitario, tras a selección da Plataforma de Teleasistencia Domiciliaria (TELEA), como modelo a exportar a outros países, dada a súa calidade para levar a cabo o seguimento e contacto entre pacientes crónicos e profesionais sanitarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/01/2024